Dos bocatas de manteiga e azucre aos «petit-suisse» xeados: dime en que década creciches e dígoche que merendabas

XA CHOVEU

Nenos merendando un bocata no 2005 en Ribeira.
JOSÉ IRIBARNEGARAY REY

Bocatas de chocolate, mortadela con aceitunas, galletas con forma de dinosauro... Cada xeración ten as súas merendas da infancia propias que acompañaban as tardes de xogos ou fronte aos debuxos animados. Cales eran as túas? [Envía aquí as túas historias a Xa choveu]

14 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de xogar na rúa, vendo os debuxos na televisión ou facendo os deberes... Hai moitos escenarios distintos cando chegaba a hora da merenda. Pero se algo teñen en común os galegos nos seus recordos é medrar entre doces e bocadillos nas tardes da súa infancia. Con todo, cada xeración garda na súa memoria aqueles indispensables da merenda.

Algúns clásicos, como o pan con chocolate, foron evolucionando pero mantivéronse entre os favoritos co paso das décadas. Outros, como o pan mollado en viño coñecido como «sopa de cabalo cansado», son xa un recordo dos maiores e algo alleo e sorprendente para os máis novos.

[Envía aquí as fotos dos teus recordos para formar parte da memoria colectiva de Xa choveu]

Da mesma forma, a experiencia de sentar fronte ao televisor cun xeado feito por un mesmo cravando unha culler nun petit suisse é algo que os que medraron nos 90 e nos 2000 recordan ben. Como eran as túas merendas? Esta semana, os seguidores de La Voz de Galicia comentaron nas nosas redes sociais cales eran os seus favoritos. Recompilamos aquí aqueles que marcaron a cada xeración de galegos.

Os clásicos atemporais da merenda

Hai merendas que son imbatibles e, por iso, transmítense de xeración en xeración, converténdose en clásicos de todos os tempos. Non hai neno ou nena en Galicia que non crecese cun bocata na man. No seu interior, embutidos como o chourizo, o xamón serrano ou a mortadela con olivas son algunhas das opcións máis repetidas.

Dentro do amplo abanico de bocatas de merenda, tamén hai espazo para os doces. Son moitos os que aínda recordan (e aínda merendan) unha porción de chocolate con leite entre dous trozos de pan. Co tempo (e a popularidade da Nocilla) estes bocatas improvisados mantivéronse, compartindo espazo cos sándwichs de crema de cacao

A combinación de iogur con froita, sobre todo a de tempada, tamén é un habitual atemporal nas merendas dos galegos.

As merendas dos 60 e 70

«Es el ColaCao, desayuno y merienda». Seguro que se creciches entre os 60 e os 70 liches a anterior frase cantando. O ColaCao, habitualmente acompañado de galletas María, estaba presente en todos os fogares, nunha época na que a merenda era o momento da pausa dos xogos na rúa. Esta bebida acompañábase cos bocatas de manteiga ou margarina con azucre ou mesmo co propio ColaCao en pó por enriba. Outra opción eran as torradas con nata do leite hervido espolvoreadas con azucre. Os máis maiores tamén recordarán a «sopa de cabalo cansado», un pan duro mollado en viño tinto con azucre. 

Nos anos 70 populizaríase a Nocilla, pero antes de que este doce existira había quen xa facía torradas de pan con manteiga e chocolate, derretindo este xunto á calefacción. A alternativa á Nocilla no apartado dos bocatas doces era o xa desaparecido Tulicrem, que no seu envase incluiu os protagonistas dos cómics de Mortadelo e Filemón.

As merendas dos 80, 90 e 2000

A crema de leite, cacao, abelás e azucre seguiría sendo popular nos anos 80, sendo mesmo protagonista dunha canción do grupo vigués Siniestro Total co seu eslogan «Nocilla, ¡qué merendilla!».

A finais dos 70 chegara o Pralín, outra alternativa máis económica e que pisaría forte nos 80 tendo como lema «la merienda feliz». Xunto aos sándwichs de pan de molde destas cremas de cacao tamén se consumían os de paté, sempre cortados con forma de triángulo e servidos en pratos Duralex.

Quen medrou nos 80, entre capítulos de Oliver e Benji, Bola de dragónD'Artacán y los tres mosqueperros, La aldea del Arce ou Los Caballeros del Zodíaco, tamén recordará produtos de bollería como o Bollycao bombón, que viña nun envoltorio dourado. Malia o éxito da serie de debuxos de Los Fruttis, na xeración EGB triunfaban procesados como os Tunos, o Tigretón ou a Pantera Rosa. 

Os millennials incluían nas súas bolsas de lambetadas as gomas de mascar Boomer, os pica-pica, as cantimploras Zumrok, os Push Pop ou os aneis de caramelo, ademais dos xa esquecidos cigarros de chocolate.

No apartado dos iogures, un dos máis demandados entre os nenos era o petit-suisse coa súa mascota Danonino. En realidade, este esencial das merendas non é un iogur, senón un queixo fresco semidesnatado de sabores, sendo o máis demandado o de amorodo. Nos veráns, este queixo transformábase en xeado coa simple receita de cravarlle unha culler e deixalo no conxelador uns minutos. Un aunténtico manxar nas tardes de calor.

Os anos 90 foron os da chegada do porco bravo, o Xabarín, ás tardes da TVG. Un magazine para nenos que formaban parte dun club no que os debuxos de Doraemon, Gatocán, Shin Chan ou Arale acompañaban as merendas. 

Foi tamén nesta década cando chegaría o Actimel, que primeiro se vendería a un público adulto prometendo axudar as defensas. Máis tarde, nos anos 2000, apelaría tamén á rapazada con anuncios nos que os compostos se convertían en superheroes co Equipo Actimel ao estilo de Érase una vez... el cuerpo humano. Nesta época, o «zumo» era o Sunny Delight e con el tomábanse os Phoskitos, os Donnettes ou as Conchas. As galletas con forma de dinosauro e as Oreo eran as máis repetidas e estas últimas tomábanse abríndoas pola metade e mergullándoas en leite. O chocolate Nestlé Jungly, coas súas onzas que semellaban cromos de animais, tamén marcou a infancia destes nenos, tendo unha gran acollida na súa recente volta aos supermercados.