Sabela Ramil: «A bici aínda a sigo tendo como hobby»

YES

VÍTOR MEJUTO

04 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como sempre foi a pequena da casa, Sabela Ramil (As Pontes, 1993) segue sendo a revoltosa que aínda hoxe ten o privilexio de ser a primeira que se achega a recoller os regalos de Reis e repartilos na familia. «Son a que le o nome dos paquetes e vai dándolle a cada un o seu», especifica con ese «poder maxestuoso» de quen é unha especie de mensaxeira real. «E mira que me gusta regalar!», dime mentres recorda como eran eses días de Nadal en que primeiro pasaba tempo facendo a carta e logo sempre ía entregala ao paxe que había nas Pontes para que chegase con puntualidade a Melchor, Gaspar e Baltasar. «O bo era que como son sete anos menor ca o meu irmán, aproveitaba xa todo o que pedía el, que era moi de xogos de mesa, para non encargarlle o mesmo eu aos Reis». Sabela di que tivo a súa etapa de bebés, con algún carriño, e logo a das Barbies, aínda que non lle gustaban moito, pero si todo o mundo que tiñan ao redor: a caravana, o coche, a casa, a tenda... «Pero eu era moi argalleira, o que me encantaba eran esas bonecas grandes, case do meu tamaño entón, ás que podías transformar, peitealas, pintalas, vestilas, desvestilas, o caso era avanzar no cambio», asegura Sabela, que se define como unha muller moi pegada á terra, á natureza, ás súas raíces, pero ao tempo moi soñadora e curiosa, coa necesidade sempre de explorar outros mundos.

Pandeireta e clarinete

Talvez por iso, a música sempre estivo moi presente no día de Reis, de tal xeito que desde ben pequena ía cambiando de instrumento: «Primeiro deume pola pandeireta, e trouxéronma, logo pola guitarra, e tamén, despois o clarinete... Os meus Reis sempre estaban abonados á música, iso non faltaba xamais na miña carta», di mentres confesa que en realidade ela ía chamarse Laura, era o nome elixido pola familia como primeira opción, aínda que o de Sabela andaba tamén rondando. «Pero no último momento foi meu pai ao rexistro e como había unha cantante de nome Sabela que lle gustaba moito cando chegou de volta á casa díxolles a todos: ‘Ao final chámase Sabela! Imaxínate a cara da miña nai, que xa decidira ter unha filla Laura», conta entre risos.

Así que ese nome traía un destino musical e artístico que a ela non se lle podía escapar. Despois do seu paso por Operación Triunfo e de ter sacado o seu primeiro disco, Despedida, Sabela só ten un desexo para o 2020: «Poder facer unha xira por toda España e seguir compoñendo música, dedicándome a isto». Ela non pide máis e de feito non quere escribir ningunha carta nin dar pistas, porque o que lle gusta a Sabela é que os Reis Magos pensen nela e que afinen, que estean atentos aos seus gustos.

Se ten que quedar cun agasallo especial, elixe a bicicleta en todas as súas versións. «Tiven moitas ao longo da miña vida, e desde a de catro rodíns ata a que teño para facer tiradas na estrada, fun das afortunadas que puido ter varias», indica Sabela, que agora en Madrid, onde vive, non ten tantas posibilidades de saír con ela como fai por Galicia. «Nas Pontes a bici era o medio de transporte preferido dos rapaces, así que era básico ter unha se querías moverte pola vila; pero eu iría en bici a todas partes, encántame, e agora boto de menos non poder saír tanto como me gusta. Para min é un hobby e desde logo de pequeniña foi un dos meus regalos estrela».

Sabela vivirá estes Reis coa familia, repártese entre a de seu mozo e a súa, pero non deixarán este ano tampouco de almorzar todos xuntos. «Para nós é o día grande de todas as festas e volverei comer o roscón coma fago sempre, aínda que xa che digo que o rei vaille tocar ao meu irmán, eu quedo coa faba, pero el é o afortunado que dá co cacho que trae o agasallo. É tamén máis lambón ca min, iso axuda», sorrí Sabela que se despide, como non, agarrada á bicicleta.