Pepita, 59 anos: «Levo mandil, pero gústame moito ler en francés»

YES

ANA GARCIA

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A estampa non está preparada. Pero cando Pepita nos recibe na súa casa dos arredores de Carballo ela está no centro co seu mandil, e ao seu carón, as súas netas, Aroa, de 10 anos, co can no colo, e Sofía, de 7. Pero ademais, sentados na sombra das árbores, seus pais miran estrañados a importancia que lle damos a Pepita. Famosa por que? Veñen preguntar coa súa cara, pero a imaxe xa revela que a súa filla é o centro, o alicerce da familia. Pepita é unha «superabuela» de 59 anos que coida de todos: das netas, do home, dos fillos e, por suposto, dos vellos. «Eu intento axudarlles aos fillos como meus pais fixeron comigo», conta para restarlle importancia ao seu valor. Pepita casou aos 22 anos e estivo case vinte anos emigrada en Suíza. De que traballabas?, pregúntolle, «De femme de ménage» (na limpeza), responde nun francés perfecto, que agora lamenta non practicar. «Antes sabíao moi ben, iso que cando cheguei alá non sabía nin papa, pero deixas de falalo e agora xa me custa escribilo sen faltas; teño moitos libros en francés e sen ser en francés, porque me gusta moito ler de todo, ademais do xornal».

 Pepita saca enseguida ese orgullo emigrante de quen se buscou as castañas moi nova nunha Galicia que non daba oportunidades. «Eu seguiría alí, en Montreux, se non viñese para aquí. Pero decidimos vir porque se non, os nenos se farían grandes e xa sería máis complicado». Os «nenos» despois estudaron e agora seu fillo maior traballa como «securitas» e o pequeno rexenta un bar en Carballo coa súa muller, Maricarmen, a nai de Aroa e Sofía.

«Á neta máis vella téñoa desde que naceu. Á pequena collina un pouco máis tarde, pero tívenas practicamente sempre. Iso si, a diario durmían cos pais, a non ser nas vacacións que durmían comigo», resume Pepita, que non bota balóns fóra. «A ver, estou contenta, eh. O día que non estou con elas bótoas moito de menos, agora xa teño media liberdade», sorrí mentres Sofía xoga co sacho. «Traballei toda a vida ata que casei, e despois tamén. E agora, bueno, podíamos estar peor, pero podíamos estar mellor. Antes a vida era distinta. Eu non podía saír da casa sen ir muxir as vacas, mesmo na época de mocear. Sachei, arrendei, recollín fabas, esfollei no millo, plantei patacas, recollinas, fixen de todo. A vida no campo ensínache moito sacrificio, aos animais hai que atendelos, pero boto de menos moito aquilo de ir lavar ao río. Encantábame, dábame igual ir soa, ou en inverno. Poñía a roupa a clarexar e a verdade sinto que agora non queda igual. Era unha marabilla», di coqueta mentres ensina o mandil. «Este é da feira de Carballo, son tan cómodos e duran tanto!, pero vou mercar tea para facer outro a ver se son quen de coselo eu», bromea. Sabemos que si. Pepita é un valor seguro.