«Vilagarcía 100%»: unha iniciativa do Concello por e para vilagarciáns

Paloma González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Acto de presentación da campaña proposta polo Concello
Acto de presentación da campaña proposta polo Concello MARTINA MISER

Ofertaranse 1.300 prazas para dar a coñecer a riqueza natural e histórica da vila de xuño a novembro

29 may 2025 . Actualizado a las 18:48 h.

A campaña «Vilagarcía 100%» púxose en marcha onte polo Concello. Esta iniciativa oferta 1.300 prazas para que os vilagarciáns coñezan Cortegada e outros espazos naturais da vila.

Os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Álvaro Carou e Diego García, respectivamente, xunto con Luís Ángel Gómez, representante da empresa Corticata, encargada da organización das excursións, destacaron que esta campaña non busca atraer turistas senón premiar os propios veciños. «Estamos ante unha iniciativa novidosa na que queremos que os vilagarciáns sexan os mellores embaixadores da súa terra» sinalou Carou.

«Vilagarcía é unha cidade moi rica en patrimonio e natureza, pero moitas veces os seus habitantes non valoran o que teñen tan preto da casa» afirmou Diego García.

Das 1.300 prazas ofertadas, haberá 600 entradas para visitar a Illa de Cortegada e outras 700 repartidas entre obradoiros, rutas e xincanas.

O programa ofrece unha variedade de experiencias que se apoian en tres piares fundamentais: rutas pola natureza, actividades familiares, como observación de aves, contacontos ou xogos de orientación, e as visitas ao Parque Nacional, sendo esta derradeira considerada coma a actividade destacada.

As actividades comezarán o 7 de xuño e prolongaranse ata o 9 de novembro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. As entradas estarán dispoñibles mensualmente na plataforma municipal ticket.vilagarcia.gal a partir do día 1 de cada mes, e adxudicaranse por orde de inscrición.

«Se alguén reserva e non pode acudir, pedimos por favor que cancele a asistencia, para poder repartir as entradas entre a xente que quede na lista de agarda», apuntou o concelleiro de Turismo.

As saídas a Cortegada serán todas ás 16.30 horas da tarde, con 30 prazas por ruta. Así, no mes de xuño haberá seis excursións, en setembro oito e en outubro outras seis.

O resto de propostas teñen entre 20 e 50 prazas e desenvolverase en xuño, agosto, setembro, outubro e novembro.

Ademais, o Concello recorda que o día 7 de xuño tamén se porá en marcha a actividade «Todos os camiños comezan no Salnés», organizada dende a Mancomunidade do Salnés.

Os participantes sairán en barco dende O Grove ata Pontecesures seguindo a ruta Traslatio. As reservas fanse en ticket.vilagarcia.gal.