Vilagarcía recupera as visitas guiadas aos petróglifos na romaría Lombos do Ulla

a.g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A praia do Campanario, en Bamio, converterase o sábado 26 de xullo nun escenario cultural ao aire libre

25 jul 2025 . Actualizado a las 20:17 h.

A praia do Campanario, en Bamio, converterase o sábado 26 de xullo nun escenario cultural ao aire libre coa celebración da segunda edición da Romaría Lombos do Ulla. A xornada arrancará ás 13.00 e contará cun amplo programa de actividades que inclúe música tradicional, teatro, poesía e unha visita guiada nocturna aos petróglifos dos Ballotes. A entrada será libre e gratuíta durante todo o día.

A romaría, organizada polas asociacións Galicia Fermosa, Mulleres Rurais de Bamio, Aldea Global e o Concello de Vilagarcía, naceu en 2024 co obxectivo de poñer en valor este espazo natural da ría de Arousa e concienciar sobre a súa protección. Nesta segunda edición, os organizadores manteñen ese espírito e reivindican a conservación dos lombos do Ulla fronte a ameazas ambientais.

O programa

O programa comeza coa actuación do grupo de gaitas local A Queimada. A seguir, o escritor e músico Antón Reixa ofrecerá un recital poético. Durante a tarde, tamén subirán ao escenario Aturuxo na Codeseira, o dúo Otero e Romero dende O Grove co espectáculo Enxebre, e Magín Blanco, que estreará o seu novo proxecto musical titulado Percorrido. Os máis pequenos poderán gozar da obra teatral dos Quinquilláns, centrada nun conto popular sobre a salinidade do mar. Pecharán a xornada musical Factoría de Subsistencia e Roberto Sobrado, cun repertorio que combina composicións propias e versións.

A actividade convida á participación activa do público. Ao tratarse dunha romaría, os asistentes están animados a levar instrumentos e sumarse á celebración de forma espontánea. Cada persoa deberá traer a súa propia comida, aínda que durante o día estará dispoñible unha pulpeira para quen prefira opcións preparadas.

Como colofón á xornada, a partir das 22.30, realizarase unha visita guiada aos petróglifos dos Ballotes, recentemente restaurados. Non será necesaria inscrición previa; só se recomenda levar unha lanterna pequena, como as que integran os teléfonos móbiles para poder participar do percorrido nocturno.