O Sachaso Rock resoará no Corgo o 25 de xullo aspirando a ser un referente de «calidade e exclusividade»

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

CEDIDA

O evento pretende seguir os pasos do Star Light de Marbella

15 feb 2025 . Actualizado a las 14:17 h.

Vai frío e mesmo chove, pero xa toca empezar a organizar os eventos do verán. A organización dos festivais Son do Mar e Sachaso Rock, que se desenvolven no Grove, xa anda niso. Onte mesmo, anunciaron que o Sachaso non faltará este ano no calendario de eventos do verán meco. A que será a súa sexta edición desenvolverase o 25 de xullo. E chegará con «destacadas novidades». A principal ten que ver co seu emprazamento: os concertos vanse desenvolver «no porto do Grove, máis en concreto na coñecida explanada de detrás do mercado de abastos». A organización do evento levaba meses negociando con Portos e estes días, por fin, chegouse a un acordo «satisfactorio» para as dúas partes.

Pero hai outras novidades arredor do Sachaso Rock: «O festival crece en número de bandas e na calidade das mesmas», aseguran as persoas que se encargan de poñelo en marcha. «Nos próximos días desvelaremos o cartel, o cal xa está pechado dende hai meses, pero estamos a falta de cerrar os acordos pertinentes de patrocinios para poder anuncialo».

O Sachaso Rock supón unha «aposta moi forte polo noso concello», e persegue posicionar a O Grove «dentro das grandes marcas dos festivais máis coñecidos, atraendo a un público numeroso e de todo tipo». É dicir, queren que a península meca entre nos plans do chamado «turismo de festivais, que deixa moito diñeiro nos pobos e cidades nas que se celebran estes eventos».

Como o Star Light

Sobre o perfil que terá o evento, sinalan que se aposta «por un ciclo de concertos únicos e exclusivos, onde se poida gozar de artistas que non se repiten unha e outra vez noutros festivais ou cidades de Galicia». Nese sentido, apostan pola calidade, a exclusividade e o coidado do entorno, do público e das instalacións. «O noso modelo a seguir é o Star Light de Marbella», aclara a organización do Sachaso.

Segundo esta mesma fonte, as edicións do ano pasado, tanto deste certame como do Son do Mar, xa conseguiron que os hoteis e a hostalaría do Grove «tivera unha alta ocupación», tal e como lle teñen trasladado dende os establecementos en cuestión.