
Doce restaurantes do Grove participan do 16 ao 31 de maio nunhas novas xornadas gastronómicas en torno a este produto
16 may 2025 . Actualizado a las 21:23 h.O peixe azul será, ata finais deste mes de maio, o novo gancho turístico para atraer comensais a O Grove. A proposta de degustar pratos protagonizados por estos ingredientes nace da asociación de empresarios Emgrobes e forma parte da extensa lista de iniciativas gastronómicas que a entidade impulsa coa intención de mobilizar turistas en tempada baixa.
O Grove Azul —así é como deron en bautizar a proposta— servirá de excusa a doce restaurantes da localidade para elaborar suxerencias arredor de manxares como a sardiña, o xurel ou a xarda, entre outros, tal e como se puido comprobar onte no restaurante A Solaina, que acolleu a presentación das xornadas. Entre as súas elaboracións destacaban o carpaccio de xurel ou o tataki de atún sobre gazpacho e xamón serrano entre outros pratos.
Ao tratarse dun produto tan versátil, as posibilidades son infindas, polo que a experimentación nos fogóns será continua. Así o confirmaban algúns dos chefs participantes como Sandra Gómez, de Jueso de Caña, quen desvelou que cociñará entre outras cousas un bocado anchoa con pan brioche, tomate seco, maionesa jalapeña e aceite afumado, e xurel, marinado en curry con escabeche de cenoria e unha vinagreta de améndoa; ou Joaquín Álvarez, de Sal de Allo, que arrancará con una focaccia con chutney de pemento vermello e sardiña afumada, e allo branco de pera, con xarda afumada e encurtidos. Completan a lista de establecementos Afuego, O 48 da Platería, Herlogón, Punta Vendaval, Terraza O Castro, Canta Claro, Senlleiro, Solaina e o Hotel Bosquemar. As degustacións, certificadas co pasaporte de sellado, participarán no sorteo de xugosos premios. O broche final ás xornadas, o 1 de xuño, estará amenizado pola agrupación Os Firrás.