Plan Baixo Ulla, a proposta do BNG para impulsar as dúas beiras do final do río
VALGA

A iniciativa foi presentada este luns en Valga, nun acto no que participaron o cabeza de lista do Bloque por Pontevedra Luís Bará, e a número dous pola Coruña, Mercedes Queixas.
06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Plan Baixo Ulla». Así ten bautizado o BNG o seu proxecto para «desenvolver e dinamizar, de maneira conxunta, todo o potencial e os recursos do territorio que conforman os concellos de ambas beiras arredor do río». A iniciativa foi presentada este luns en Valga, nun acto no que participaron o cabeza de lista do Bloque por Pontevedra Luís Bará, e a número dous pola Coruña, Mercedes Queixas. A proposta pasa por rachar as fronteiras administrativas, que consideran artificiais, e poñer en valor a relación existente na realidade.
As propostas nacionalistas pasan por crear máis espazos empresariais e industriais; o desenvolvemento de actividades produtivas relacionadas co sector primario, tanto no ámbito forestal, como mobilizando terras para a produción agro-gandeira, ou no sector marítimo-pesqueiro. O BNG aposta, falando de turismo, por desenvolver unha marca potente facendo un posicionamento conxunto da zona con elementos diferenciais como festas, patrimonio, cultura, gastronomía ou o Camiño. De feito, quérese promocionar o patrimonio coa organización dunha programación temática arredor de grandes figuras da historia relacionadas con este territorio: Rosalía de Castro, Castelao, Dieste, Manuel Antonio, Carlos Maside, Carolina Otero, Carmiña Sierra ou a Cerámica Celta.
Por último, dende o Bloque propoñen «a mellora de dotacións sociais, culturais, deportivas, e as necesidades de escolas ou centros de día, completando as que faltan no territorio» que se estende ás beiras do tramo final do Ulla.