O poemario que venceu á censura e lle abriu as portas á literatura galega
VILAGARCÍA DE AROUSA
O Salón García foi escenario do relato de como un escritor e un editor de Lugo fixeron, en Vilagarcía, historia das letras
30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«Aquí, en Vilagarcía, escribiuse un capítulo importante da historia secreta da nosa literatura». A voz profunda e sonora de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, foi unha das que onte soou no Salón García durante a xornada organizada na vila para celebrar o setenta aniversario da publicación de Cómaros Verdes. O poemario, firmado por Aquilino Iglesia e editado por Celta, non foi a primeira publicación realizada en galego despois da Guerra Civil. Pero si foi a primeira obra significativa que empregaba esa lingua. Ou, en palabras de Freixanes, «un fito no medio da longa noite de pedra» que foi o franquismo.
Para falar do que significou esa obra, e do que aínda significa, onte reuníronse na capital arousá os seis homes e mulleres que, probablemente, máis saben sobre toda esta historia. Xosé Manuel Dasilva, Henrique Monteagudo, Xesús Alonso Montero, Armando Requeixo, Luciano Rodríguez e Patricia Arias Chachero compartiron co público que asistiu ao Salón García o que coñecen daquela aventura literaria e editorial.
Porque a de Cómaros verdes foi unha auténtica aventura, que tivo como escenario unha época na que -e volvemos a citar a Freixanes- «os ventos das liberdades estaban secuestrados». Pero en Vilagarcía, «grazas ao colexio León XIII, sopraba un ventiño mareiro que aliviaba as penas que sufría moita xente». Naquel centro traballou como mestre Aquilino Iglesia. Deixou o profesor unha fonda pegada nos seus alumnos. Tanto é así que onte unha das súas estudiantas, Lolita Gallego, acudiu emocionada á homenaxe organizada polo Concello.
Despois das súas clases, dirixía o poeta -daquela xa recoñecido- os seus pasos ata o Chalet de la Alameda, «unha das primeiras pastelerías que houbo en Vilagarcía», onde tiña lugar un vizoso faladoiro. Poderían ter sido os compañeiros de tertulia os que meteran na cabeza de Don Aquilino e do outro lucense do grupo, Severino González, a idea de sacar á luz un poemario escrito en galego. Podería ter sido así, ou non. O realmente importante é que aqueles dous homes acabaron unidos nunha aventura editorial na que no faltaron nin o suspense, nin o perigo, nin os xiros inesperados. Porque o caso é que Aquilino Iglesia decidiu publicar un feixe de poemas escritos en galego antes e despois da guerra, e decidiu facelo na Imprenta Celta, dirixida por Severino González. Este adquirira tempo atrás a maquinaria da vella revista Galicia Nueva, a mesma que anos antes, no 1917, imprimira o Da terra asoballada de Ramón Cabanillas, o poeta da raza.
Sacáronse 500 exemplares do libro. E imprimíronse sen ter cumprimentado un requisito imprescindible naqueles anos: pasar o exame da censura. Por iso, aínda que o volume saíu do prelo o 24 de xullo, un día antes da celebración de Santiago, houbo que esperar meses antes de que puideran saír por fin á rúa. Vendíanse os exemplares por cinco pesos.
O volume era «modesto». Non tiña a Celta medios para facer grandes alardes, así que o tomo era sinxelo, decorado apenas cun pequeno debuxo firmado por outro dos grandes da nosa cultura, Carlos Maside. Pero era «un libro de poesía moi bo, incluso poderiamos dicir que excelente». Era, tamén, a primeira obra importante escrita en galego trala Guerra Civil. Foi, ademais, a obra que «demostrou que se podían publicar libros en galego», a que abriu a porta a novas achegas. De feito, seguindo o camiño marcado dende un pequeno taller de Vilagarcía, naceu en Pontevedra a Colección Benito Soto, primeiro, e a editorial Galaxia despois.
A estraña relación do fundador das JONS coa publicación
«¿Estaba realmente prohibido publicar en galego en 1947?». O profesor Xosé Manuel Dasilva formulaba esta pregunta antes de contar a sorprendente historia de Cómaros verdes. Poñámonos en contexto. Corre o ano 1947 e as feridas da guerra seguen a sangrar. O galego, como todo o que puidese supor unha fisura no monolítico mensaxe do réxime, non era ben visto. Repitamos agora a pregunta do profesor. «¿Estaba prohibido escribir na nosa lingua?». «Nunca houbo ningunha prohibición legal explícita sobre esta cuestión», responde Dasilva. De feito, o galego considerábase adecuado para o folclore, o humor, e mesmo a poesía. Cómaros verdes era un libro de versos. ¿Por que, logo, foi secuestrado polos censores?
Basicamente, porque o seu autor incumpriu os protocolos cos que o réxime pretendía blindarse de toda disidencia. Antes de imprimir un libro, este debía ser revisado polos censores, e Aquilino Iglesia tivo audacia, ou a temeridade, de meter en máquinas os seus versos antes de sometelos a ese exame. Foi iso o que fixo que autor e editor se atopasen, de repente, sen os libros nos que meteran o seu capital, e baixo a ameaza de ter que pagar multa.
Don Aquilino moveu todos os fíos que tivo ao seu alcance para levar a situación ao bo camiño. Botou man do seu amigo Xosé Filgueira Valverde, quen a súa vez pediu amparo a un vello coñecido, Juan Aparicio. Este era un home forte do réxime, fundador das JONS e creador do emblema do xugo e as frechas. Non dubidou este en dirixirse aos censores para pedirlles que arranxasen o tema dos permisos de Cómaros verdes. «Te ruego que hagas todo lo posible por complacerme», escribiu. Porque Aparicio pensaba, coma moitos daquela, que o galego valía para a lírica e para o agro. Para as cousas máis serias estaba o castelán. Probablemente nunca sospeitou que os versos eran unha arma cargada de futuro.