A orixe mítica da illa da Creba

Mª Aurora Lestón Mayo

BARBANZA

A illa da Creba na carta xeométrica de Domingo Fontán (1845).
A illa da Creba na carta xeométrica de Domingo Fontán (1845). CEDIDA

Unha lenda fala dunha moura convertida en dragón que separou da terra o que era un monte

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán do ano 1887, Pedro Rodríguez Rodríguez, historiador de Negreira, estivo no Freixo. Non sabemos moito da súa visita, agás que tivo ocasión de falar cun vello pescador, e que este lle contou un conto que sabía sobre a illa da Creba e que escoitara dos seus vellos. Ao historiador, este relato pareceulle merecedor de figurar nun artigo, que foi publicado na revista Galicia Diplomática o ano seguinte. O tal conto era este: No monte da Creba houbo un castelo de mouros, alá en tempos remotos, que tiña no interior un templo dedicado ao seu deus, do cal coidaba con esmero a fermosa filla do xefe do castelo. Andando o tempo chegaron os cristiáns, que non querían alí aos mouros, e mataron a todos os moradores do castelo. Entón, a princesa invocou un encanto que habitaba debaixo daquela terra para que a librase do perigo e a axudase a vingarse. Nun chiscar de ollos desencadeouse unha tempestade, retumbou o trono e tremeu a terra, que se ergueu, e logo caeu en formidable mole. A corrente separou o que ata entón estivera unido e o monte crebou da terra, abrindo unha sima na que afondaron castelo, templo, moura e cristiáns.

A moura quedou convertida por arte de encantamento en horrible e fero dragón e os cristiáns en touros consagrados ao seu servizo. Así comezou un tempo de terror, no que o culebrón se dedicou a facer mal nos arredores, pois facía desaparecer xente e afundía canto barco navegaba preto da illa.

Os veciños, que non sabían como poñerlle remedio a tanto mal, decidiron ir onda un santo eremita que se instalara nun bosque próximo. Este aconselloulles bendicir a illa e erguer nela unha capela dedicada á Virxe. Así o fixeron, e desde entón deixaron de ser molestados por tan temibles inimigos.

Unha ermida

E así remata: A nosa illa da Creba é efectivamente coñecida por ser o lugar no que se atopaba a ermida da Nosa Señora da Creba, á que cantaban salves cando se navegaba preto dela. Polas notas dos arquivos parroquiais sabemos que antigamente a ermida tivo ermitán. Polos relatos históricos sabemos que foi agocho de piratas en tempos medievais, cando os veciños tiñan que pór terra de por medio para poñérense a salvo no alto dos montes. E, en tempos máis recentes, pola súa condición de terreo público e retirado, o lugar onde se levaba o gando enfermo para non contaxiar os demais animais.

A lenda da moura convertida en dragón e o cataclismo que separa a terra e crea unha illa é un clásico exemplo de mito fundacional que, neste caso, explica o topónimo desa illa literalmente crebada do continente. Mais lévanos tamén a un mundo que hoxe está esquecido, pero que ata o século pasado a nosa xente coñecía perfectamente: o dos mouros, figuras míticas asociadas ao subterráneo, o acuático e o precristián, razón pola cal os mouros dos contos adoitan aparecerse en covas, pedras, fontes e megálitos. E illas.

O conto da illa da Creba non chegou aos nosos tempos, polo menos que eu saiba. Como pasou con moitos outros, deixamos de facerlle caso e fómolo esquecendo. Así esmorecen as cousas ás que non se lles presta atención.

Pero as cousas que están perdidas, ás veces pódense recuperar.