A escultura Como agua, realizada pola artista Isabel Soler e erixida nos Xardíns de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, perpetúa o recordo de todas as Rocíos, Dianas e Andreas
30 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A escultura conceptual Como agua, en aceiro mariño puído e inoxidable, realizada pola artista Isabel Soler e erixida nos Xardíns de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, perpetúa o recordo de todas as Rocíos, Dianas e Andreas vítimas de violencia machista. Presentes, a corporación, familiares das vítimas e veciños, amais da autora da peza, inmersos todos na emoción do momento: «Unha homenaxe a todas as mulleres vítimas da violencia de xénero» (José Carlos Vidal, alcalde). «Este Concello da un paso hacia adelante para dar visibilidad a tanto dolor» (J. C. Quer). «Repulsa á violencia machista e apoio a todas as mulleres que sofren esta eiva: física, psicolóxica, vicaria, sexual, económica… E a máis grave: o feminicidio» (Ramos Olveira, Concellaría de Igualdade)
Unha obra na que, segundo a artista, «todo ten sentido»: dous bloques dos que se escinde a silueta móbil dunha muller núa que deixa atrás o pasado e camiña cara ás ondas renovadoras da auga, como representación da súa liberación, como pleno suxeito de dereitos inviolables.
Isabel Soler reúne con habelencia a dor, a loita e a renacenza das vítimas, que plasma na estrutura fracturada do primeiro bloque, expresión das feridas físicas e emocionais propias deste tipo de violencia. E, de igual modo, a natureza dos materiais —adoito transmisores de sensacións e fraxilidade, ruptura e fortaleza emerxente—, aquí sinónimos de dureza e persistencia, mais susceptibles de ruptura e escisións que crean baleiros cheos de presenza, de vidas arrebatadas, de perda (estima, identidade, vida). Ou a mesma superficie reflectante que nos conecta como espectadores coa poderosa convicción da mensaxe: neste caso, de crueldade mais tamén de verde esperanza.
Ademais, a súa localización interactúa coa contorna circundante e crea unha atmosfera de recollemento reverencial, o que fai que a obra non só visibilice o problema de xénero senón que acade tamén unha maior audiencia, xerando un diálogo reflexivo e ricaz. Diálogo favorecido polo tamaño natural da figura e pola carencia de pedestal, que vai multiplicar o efecto de inclusión do espectador na obra, na que aparece reflectido en forma de sombras animadas e coloridas coas que a escultura se arroupa e alenta.
Un xogo de presencias e ausencias, de eternidades rotas, de inxustizas e reparación, de caídas e superación. Un símbolo poderoso e duradeiro de lembranza, solidariedade e contestación que procura xerar conciencia e honrar as vítimas en lugares participativos de reflexión e compromiso. Unha escultura que transforma o espazo público nunha trincheira de concienciación, resistencia e memoria colectiva.
E de resiliencia: «Sobreporse é todo», deixou escrito o gran poeta Rainer Maria Rilke. E Nós-Outras, da man da artista e da súa mestría, gritamos: Gloria victis!