As cortiñas do cura

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

18 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoro as homilías da Semana Santa. Na nosa zona non hai procesións multitudinarias, nin nazarenos encapuchados nin ese dourado que enche ata o mínimo detalle. Creo que tamén existe unha beleza intrínseca no Sábado Santo nas nosas vilas, a bendición do cirio e desa auga que non se perde en todo ano, coma se estivese encantada. Nestes días de gardar, tamén se agradece o recollemento do que se fornece a arquitectura románica dos nosos templos. A día de hoxe, é unha mágoa que o antigo Mosteiro de Baíñas estea en tan plena decadencia. As silveiras e as hedras cobren enteiramente a fachada, e os cascallos inundan o seu interior de tella e pedra, impedindo a entrada. A degradación dos últimos anos fai que, o que podía ser un vestixio de turismo para a parroquia, se converta en catro paredes que un día caerán sen pena nin gloria. As chamadas cortiñas do cura foron un importante enclave de monxes bieitos e, a través do declive de San Martiño Pinario, chegouse á situación de hoxe, abandono e ata descoñecemento por parte dos veciños sobre unhas ruínas tan importantes en antano. Nin as institucións locais, nin Patrimonio, nin o clero ten premisas de acabar cas portas case molentes e a degradación fidedigna que sofre a estrutura por décadas. A min si me gustaría un día poder entrar de maneira segura e imaxinar o pasado case ecléctico dun lugar que ha de agochar tantas historias. Polo menos sería unha forma de coidar a contorna da igrexa e non afeala como está agora. O Mosteiro de Baíñas e a Igrexa de Santa Baia de Dumbría son os grandes monumentos esquecidos da Costa da Morte. Se os entes involucrados non amosan un interese real pola súa conservación, dificilmente chegarán aos nosos ollos.