«Xa van 30 anos loitando», afirmou Xosé Manuel Varela na presentación da «Antoloxía poética» do autor baiés
26 feb 2024 . Actualizado a las 21:36 h.A presentación da Antoloxía Poética de Enrique Labarta Pose converteuse onte nun acto de reivindicación dun Día das Letras Galegas para o autor baiés co apoio dunha importante representación política, literaria e social, non só local, senón tamén da bisbarra. O filólogo Xosé Manuel Varela, coautor da escolma editada por Galaxia xunto con Xosé María Rei Lema, manifestou que «xa van 30 anos loitando», dende a década dos 90. «Se non llo conceden no 2025, no centenario da súa morte, no sei cando vai ser», manifestou.
Foi o alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen comezou dicindo que é un «deber histórico» recuperar a figura de Labarta e saldar «unha débeda» ampliando o coñecemento sobre o literato baiés co obxectivo tamén de que sexa homenaxeado pola Real Academia Galega. Xesús Domínguez, director de producións de Galaxia, incidiu, do mesmo xeito, na necesidade de consolidar o proceso dun Día das Letras Galegas para o avogado que quixo vivir da literatura. Sinalou, neste senso, que o último autor da Costa da Morte elixido foi o muxián Eduardo López Abente, no 1971, hai xa 53 anos.
En canto ao libro dado a coñecer onte, Domínguez comentou que a súa editorial segue no labor de recuperar personaxes importantes da literatura galega. Neste caso, un autor que tivo unha vertente como editor, fotógrafo, dinamizador cultural e que cultivou a poesía, a narrativa e o teatro, «espello dunha temática variada», que abrangueu temas tan actuais como o feminismo, o animalismo e a defensa do galego.
No acto estaban presentes concelleiros de Zas, Vimianzo e Ponteceso, autores literarios, filólogos, representantes de diversas entidades e membros da comisión que traballa por un Día das Letras Galegas para Labarta Pose, así como numeroso público. Mesmo estaba Ángel Labarta, un parente do poeta que aportou dous retratos dos pais do literato, Francisco Labarta Raña e Ramona Pose Martínez. Xosé María Rei Lema explicou que a publicación da Antoloxía Poética presentada onte é froito dunha proposta formulada polo poeta Miro Villar nunhas xornadas dedicadas ao escritor baiés co obxectivo de que «Labarta volvese a estar na rúa» e dar outra visión da súa obra, pois, segundo recoñeceu, a etiqueta do «humorismo restoulle credibilidade».
Destacou, por outra banda, a importancia que o autor soneirán tivo na Arxentina, onde lle chegaron a propoñer a creación de publicacións de calidade como as que tiña promovido en Galicia. Por último, dixo que sería «un epílogo bonito» que se lle concedese un Día das Letras Galegas, propósito no que Xosé Manuel Varela incidiu de forma incisiva, preguntándose por que un «académico que non foi académico» por estar fóra de Galicia non tiña agora o recoñecemento merecido da RAG, mentres si o tiveron outros autores con menos obra en galego, e «un pioneiro» en moitos aspectos ao que, tal vez, lle prexudicara ter a meirande parte da súa obra espallada pola prensa e non en libros antes da súa morte. No coloquio, Jorge Mira e Xosé María Lema, da comisión labartiana, lamentaron as argumentacións existentes en contra da concesión da homenaxe por parte da Real Academia.