Nadal, un feliz tempo de clásicos, mais tamén de innovación

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Especial Nadal | Patinar, mercar doces e artesanía, perderse nun parque de xogos ou botarlle panxoliñas das de antes. Todo iso pode facer nos vindeiros días na Costa da Morte 

14 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fóra do diferentes que poidan ser na Costa da Morte os alumeados de Nadal de cada municipio, inaugurados ata con fogos artificiais en Camariñas ou Muxía, este tempo festivo é unha época de clásicos imprescindibles e agardables, mais que, así é todo, deixa espazo para a innovación, para a procura do distinto. É o que vén facendo Vimianzo dende hai, con este 2024, catro anos, instalando na Praza do Concello unha pista de xeo natural. Inaugurada onte mesmo, permanecerá na capital de Soneira ata o 7 de xaneiro. Cunha dimensión de 15 por 20 metros, baixo carpa, é a única da Costa da Morte, e xa están á venda as entradas [ver horarios máis abaixo], a través do banner habilitado na web municipal ou ben da aplicación Saudeter. Ha de empregarse tarxeta, non diñeiro físico. O prezo da entrada mantense invariable, 5 euros, un tique que dá dereito a patíns e a unha sesión de 45 minutos, con 15 a maiores para os cambios. É posible alugar, ademais, cascos e apoios do patinador, e mesmo sacar bonosxeo de 24 entradas, o que deixa o prezo á metade. Ao coidado da pista hai oito monitores, aos que o Concello agradece a implicación. Sen saír de Vimianzo, tamén ten un matiz diferenciador o Recuncho Gastronómico da Praza, con opcións salgadas e doces, locais, para gozar dunha comida ou cea, amenizada incluso con actuacións. E todo iso, baixo un manto de luces de Nadal, a resgardo dun iglú.

BASILIO BELLO

Feiras e mercados ben singulares

A boísima acollida do Mercado da Ilusión de Carballo senta un bo precedente para outras iniciativas da área de Feiras, tal é o caso da Feira Doce prevista na Praza do Concello os días 28 e 29 de decembro, con dez postos moi doces e actividades paralelas que pasan por talleres, música ou solidariedade cos afectados pola dina. Haberá este 2024 varias primeiras veces, e este é un exemplo, como tamén o é a Feira de Artesanía do Nadal en Baio, promovida hoxe e mañá [sábado e domingo] dende o Concello de Zas e a nova agrupación BaiOn: o punto de encontro será a praza Jorge Mira, con actividades paralelas en ambas xornadas. O 20 de decembro, doutro lado, inaugurarán en Muxía un novidoso Mercado de Nadal no Salón do Voluntariado: seguirá os días 21, 22, 28 e 29, con artesanía, doces e obradoiros.

Agostiño Iglesias

Nadal Rebuldeiro e unha Ludoteca

É particular, sen dúbida, o Nadal Rebuldeiro de Carballo, con iniciativas como un parque de xogos na carpa da Praza, do 14 ao 21 de decembro (Mundo Xogo). Menciónelle aos nenos estas palabras, e verá o resultado: Superthings, Playmobil, Rolly Toys, realidade virtual e carreiras de radio control. Tamén no Nadal Rebuldeiro terá cabida unha xincana de elfos, o 23 de decembro: subidos en dúas rodas, o reto será transportar agasallos sorteando obstáculos. Por último, Nadal sobre Rodas, igualmente Praza Carballesa, o 30 de decembro, 2 e 3 de xaneiro.

Funcionará en Cee, doutro lado, unha Ludoteca do Nadal, aberta dende o 23 de decembro ata o 6 de xaneiro. Mañá e tarde, a excepción dos días centrais (24, 25, 31, 1 e 6 de xaneiro), que será de tarde. Co aforo dividido en quendas dunha hora, haberá xogos tradicionais de madeira e tamén inchables.

Que, cando e onde

Pista de xeo Vimianzo. Hoxe e mañá, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00 horas. As mañás laborables ata o venres 20 estarán reservadas a colexios, así que o horario do 16 ao 19 será de 17.00 a 20.00. O día 20, de 16.00 a 23.00. Todos os restantes, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00. O 25 de decembro e 1 de xaneiro, a partir das 17.00. O 24 e 31, última sesión ás 20.00.

Apalpador. Un personaxe autóctono. A visita a Carreira, en Zas, será o 29 de decembro, da man da asociación Senda Nova e con recibimiento dos Gaiteiros de Churía. Ás 17.00 horas comezarán uns obradoiros e haberá unha visita guiada á aldea e tamén ao seu Museo do Liño.

Festa total. Xogos, música, manualidades, pintacaras, chapas, globoflexia, fotomatón, visita de Papá Noel,xantar e moito espectáculo. Todo iso é o que haberá na gran Festa Infantil programada polo Concello de Dumbría para o 2 de decembro: de 11.00 a 17.30, con solicitude previa. Hora e horas de goce.

Panxoliñas. Carballo terá feiras con Cantos de Nadal (22 e 29) e Cee tamén panxoliñas, o sábado 21. Mais neste ámbito sobresae o concurso María Angeriz Tuset da Laracha: 28 de decembro, 18.00, Casa da Cultura.

Cantos de Nadal polas parroquias. Os ritmos deste tempo de ilusión, levados, unha a unha, por todas as parroquias. Iso é o que volverá facer este ano Vimianzo, da man da asociación Trubisquiña. A agrupación pasará por Cambeda e Castro o 16 de decembro; o 17 por Bamiro e Salto, o 18 por Cereixo e Berdoias, o 19 por Serramo e Calo; o 20 por Tines e Treos; o 21 por Carantoña e Baíñas; o 22 por Carnés e o 23 pola Praza do Concello de Vimianzo, capital municipal.