O máis «friki» da fin de semana estará na Ponte do Porto

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Presentación do encontro Ponte Friki, a inicios de febreiro
Presentación do encontro Ponte Friki, a inicios de febreiro BASILIO BELLO

Asociación Ponte Disfraz e Concello impulsan «o primeiro evento de cultura friki» da comarca. Polo demais, será un sábado ben intenso tamén noutras propostas: teatro, tradición, música, encontros veciñais...

22 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe e mañá • «É unha oportunidade única para os amantes da cultura friki, xa que este tipo de eventos nunca se realizou pola zona, o que queda máis cerca sería o Expotaku da Coruña», indicaba Cristina Blanco, presidenta da asociación Ponte Disfraz, o día de presentación da iniciativa. E, ao fin, chegou a data. O polideportivo da Ponte do Porto, no municipio camariñán, acollerá hoxe todo o día e tamén mañá a primera edición de Ponte Friki, unha proposta da mencionada entidade que ten o apoio do Concello de Camariñas, e que aglutinará nun mismo encontro actividades ben diversas. Cultura friki, xaponesa, gaming, cosplay, debuxo, artesáns... Afeccionados aos videoxogos ou tamén aos disfraces de personaxes de series, películas, anime ou manga terán esta fin de semana unha cita ideal para darlle renda solta aos seus intereses comúns, co pavillón repartido en diferentes espazos para cadansúa proposta. Haberá actividade este sábado dende pola mañá, ata ben entrada a noite, pois para as 21.00 está anunciada a festa Partyfriki, cun concerto a cargo de Freak Gzm, grupo dedicado a cancións de temática friki con repertorio galego. Mañá, domingo, Ponte Friki será de 11.00 a 19.30 horas.

Entradas

Sandra Insua, alcaldesa, animou no seu día a achegarse, aínda que de entrada un non se considere interesado neste tipo de cultura. Será «entretido e interesante». O custe da entrada é de 3 euros (un día) ou de 5 (para os dous días).

ANA GARCIA

Circo con Gaby Aragón e dobre parada teatral

Continúa instalado no aparcadoiro da rúa Carlos Casares de Carballo o circo Inimitable, co gran Rody Aragón á fronte. Hoxe haberá pases ás 17.00 e 19.30 horas, con entradas en ticketrona.es ou ben dende unha hora antes do espectáculo na billeteira do propio circo. Será, doutro lado, sábado de teatro en Vimianzo: ás 20.30, na Casa da Cultura, espectáculo Noso, de Os Náufragos Teatro. Unha volta ao asunto dos parques eólicos e a como impacta nas familias e comunidades rurais. Entradas en woutick.es, ou na Casa da Cultura dende as 19.30. En Cabana, no auditorio, ás 21.00, poderá gozarse con A voltas co morto, de Sen Tempo Teatro.

Foliada Carcaxía e cantareiras con María Lado

A asociación cultural Carcaxía dará hoxe por iniciada a quinta edición da súa Foliada cunha foliadiña (19.00 horas). Virá logo un taller de ribeirana con Mar da Bouzas e, máis tarde, xa ás 21.00, a foliada propiamente dita, con grupos da comarca e fóra dela, así como o concerto de Unto Vello. Haberá comida e bebida a prezos populares, para pasar a tarde-noite, e uso de vaso ecolóxico. Todo isto, en Seaia (Malpica). Doutro lado, en Cee, dando inicio á Primavera Cultural deseñada polo Concello, a escritora María Lado presentará o seu libro Canta, miña compañeira: o legado das cantareiras. Será ás 19.00, na biblioteca Francisco Mayán.

BASILIO BELLO

Unha ampla ristra de xuntanzas para compartir tempo

Varias son as asociacións e comisións de festa con citas organizadas para hoxe. Unha mostra: o bingo da comisión de Quintáns (Muxía), na antiga escola a partir das 19.00. No cámping Baldaio, a partir das 14.00, é onde levará a cabo a asociación Ría de Lema o seu cocido, con música en directo e tamén sorteos. Cocido de entroido gozarán asemade os da asociación Santa Eufemia de Bértoa: 14.30. Igualmente, unha primeira edición da súa Festa do Cocido promoverá o Club Xuventude Laracha no pavillón do IES Agra de Leborís: 14.30 horas. Lévalle unha edición de vantaxe a asociación de veciños A Rucheira (Lamas, Zas), cun segundo Xantar programado para hoxe no polideportivo da capital municipal, con sesión vermú e tamén tardeo a cargo de Chema (dúo Élite). Finalmente, no pavillón de Vimianzo, celebrarase a cea-baile da comisión de festas de Pasarela-Calo: 21.30, amenizada pola discoteca CDC.