Fes­tigual, o maior festexo da diversidade, e outras citas para este sábado na Costa da Morte

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

O Tren da Unha amenizará a sesión vermú en Cabana
O Tren da Unha amenizará a sesión vermú en Cabana ANA GARCIA

Í

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe | 12.00 • Se este 31 de maio hai algún punto que mereza desprazamento, ese é Nantón, Cabana. De par do Centro de Recursos da entidade Íntegro, organizadora coa colaboración de Máis Porvir e Concello, celebrase a terceira edición de Festigual, «o festival máis diverso da comarca». «A idea —lembraba esta semana Noelia Barreira, directora, en Radio Voz— naceu como un día para festexar a inclusión e a diversidade. Máis que reclamar dereitos nunha xornada en concreto, que tamén está ben, queriámolo facer doutro xeito, divertíndonos, facendo unha actividade totalmente inclusiva, da que poder participar todos e sentirse a gusto. Para iso, que mellor ca unha festa!». Como di Noelia: «Que as persoas con discapacidade e sen ela poidan compartir momentos de desfrute, e vexan que non hai impedimento algún para que isto suceda». A 50 metros das instalacións de Íntegro, na zona do campo de fútbol, teñen un «espazo estupendo» para esta celebración, na que tamén haberá máis de vinte postos de artesanía, moitos deles de organización sen ánimo de lucro con fins solidarios, e mesmo un espazo no que os máis pequenos terán actividades: pintacaras, tatuaxes...

Para o que a xantar se refire, había a opción de facerse con entrada de xeito anticipado, mais non haberá problema. O que acuda, terá sitio: «Que ninguén se preocupe, que haberá entradas de sobra para comer, beber e gozar». Non agarden ata o mediodía para achegarse a Nantón, pois xa a partir das 12.00 haberá música a cargo da banda Inllar, que substitúe por un imprevisto aos Gaiteiros de Anos. A sesión vermú estará amenizada por O Tren da Unha, divertidos onde os haxa, capaces de conectar con todas as idades, e para as 16.30 quedará o pop-rock de Versión Imposible: «A verdade é que son marabillosos». Os pinchos dispoñibles ao longo do día para redondear todo isto, cabe dicir, serán variados en gustos e en necesidades alimenticias, atendendo a glute, lactosa... Se todo vai segundo o previsto, o III Festigual rematará sobre as 19.00 horas.

Simposio arredor do liño e as súas posibilidades, en Zas

De 11.00 a 14.00 • Concello de Zas e Consello da Cultura Galega, co apoio da UDC, promoven para hoxe no centro sociocultural de Zas o simposio O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras: estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Jorge Mira, membro do plenario; e Manuel Muíño, alcalde, abrirán as intervencións e mesas redondas ás 11.00 horas. A primeira, de Carmen Cotelo, directora de GAIN. Ás 14.00 horas, conclusións.

Voluntarios de Protección Civil reuniranse en Baio

10.30 horas • Agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia reuniranse hoxe no salón de actos do centro sociocultural de Baio para tomar parte da sexta edición dun encontro no que tamén haberá tempo para falar do presente e futuro destas entidades. A inauguración está prevista para as 10.30 horas, e ao longo da mañá tamén haberá tempo para diversas condecoracións por anos de servizos ou por participación en sucesos como a dana de Valencia. Lembrarase aos que xa non están.

Un mundo de propostas a maiores

Tamén hoxe • Ademais das citas arriba expostas, e dos actos de 50.º aniversario do IES Agra de Raíces que continúan hoxe (18.30 horas), tamén estas citas na Costa da Morte para dar por rematado maio:

BaioMostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. A partir das 18.00, no auditorio de Baio, entrega de premios da oitava edición, un acto no que actuará o grupo Sen Tempo Teatro, da Escola Municipal de Teatro do Concello de Zas. Estreará nova obra: O home do sofá. Acceso libre, de balde.

PontecesoNa Aldea do Couto, a partir das 20.00 horas, Noite Efervescente, cita coa ciencia, a divulgación e as estrelas. Abrirá cunha Mostra das Aulas Isidro Parga Pondal, seguirá coa gravación do programa de radio Efervescencia e seguirá cun petisco (23.00) e observación pública inclusiva do ceo (23.15).

CercedaNo aparcamento da igrexa de Queixas, con misa ás 13.30 e xantar ás 14.00, homenaxe ao sacerdote Albino Verdía. A partir das 16.30 horas, actuación das pandeireteiras das Encrobas e o grupo de gaitas San Martiño.

Cabana • Logo do peche de curso deportivo, onte, cun pavillón ateigado, hoxe será a quenda da Escola Municipal de Bailes de Salón e Ritmos Latinos. Ás 18.30, no pavillón.

A LarachaFestexa o seu 50.º aniversario o colexio Ramón Otero Pedrayo. Apertura de portas ás 12.00 horas, con todo de balde agás o xantar, para o que hai que ter retirado tique. Discursos, sesión vermú, música, inchables...

Quercus Blues actúa esta noite na terraza do Valle Inclán, Carballo
Quercus Blues actúa esta noite na terraza do Valle Inclán, Carballo BASILIO BELLO

Carballo • A mediodía, no bar O Hórreo, Os Amigos do Chorís reúnense no seu xantar anual. Son un grupo de compañeiros do cruce da Gran Vía coa Vázquez de Parga. Tamén na capital de Bergantiños avanzará a 11.ª edición do festival de arte pública Rexenera Fest, que para hoxe inclúe un obradoiro de rotulación e lettering a cargo de Nico Barrios.

No Pazo da Cultura, ás 18.00 e 21.00, representacións teatrais con Vagalume Animación: Vagalum City e Operación Barranco. Ás 21.00, na terraza do establecemento Valle Inclán, concerto de Quercus Blues, talento da localidade. Por último, e non por iso menos importante, haberá cita ás 11.00 horas no centro social de Berdillo, a onde chegará o proxecto Carballo na memoria, para a recollida de material.

CorcubiónContinúa Escora Danza, iniciativa da Deputación da Coruña, hoxe cun obradoiro ás 12.00 horas do que tomarán parte Farándula Velutina e Escola de Teatro de Corcubión. Ás 21.30, na Capela do Pilar, mostra da residencia Do outro lado, de Brais Pombo e Fran Rodríguez. Nesta segunda cita, acceso libre. Tamén en Corcubión, pero na Capela do Pilar ás 12.30, terá lugar un novo encontro do proxecto Medrando xuntas, da Plataforma Reiseñores. Cita para familias en torno ás necesidades especiais.

VimianzoChegou o día da cuarta Ruta Cabalar de Pasarela, que inclúe paseo duns 20 quilómetros para as 10.00 horas e posterior sesión vermú (dúo Trasnos) e xantar, para o que hai que ter reserva. Sumaranse á tarde á animación os DJ Save e Tinciño.

Tamén en Vimianzo, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura, será tarde de teatro solidario en favor da Asociación Española Contra o Cancro. Cunha entrada de 3 euros poderase gozar de Milagre no convento, da Escola Municipal de Teatro.

MalpicaContinúa en marcha o programa das Letras Galegas, hoxe ás 19.30 coa gala de fin de curso de Raigañas. Será no centro cívico.

CoristancoNo Edificio de Servizos Múltiples, a partir das 11.00, acción comunitaria Vivir con TDAH, coas intervencións de Iria Trigo, traballadora social e membro de Ingada, e Elvira Ferrer, especialista en Medicina Familiar.