
























O ENCAIXE NO CAMIÑO | A Asociación de Empresarios camariñá volveu organizar unha nova edición desta cita que une teatralizacións, historia, artesanía...
05 sep 2021 . Actualizado a las 23:35 h.A historia, como as leis, interprétase. É a reflexión de Olga Campos, presidenta da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, entidade que un ano máis volveu impulsar a actividade O encaixe no Camiño para poñer en valor tanto a historia da vila como a súa tradición artesá. Pouco queda por dicir do que significa o encaixe para Camariñas: orgullo, turismo, economía, produción artística, empoderamento feminino... Máis aló do sempre presente debate sobre se o encaixe é «de aquí ou de aló», para Olga o encaixe «é de todos» e de tódolos lugares. E por iso debe protexerse e poñerse en valor.
A recreación da lenda que recolle a chegada dunha dama italiana que ensinou a palillar foi precisamente unha das actividades que formaron parte do programa deste ano, máis a mañá comezou con outra representación, a do desembarco do rei Alfonso IX en Camariñas, e coa recreación da andaina que o tería levado por puntos como Xaviña ou Cereixo no seu itinerario cara Santiago. Nos anos que se leva celebrado esta cita -vai xa polo cuarto- fletouse un autobús para que os participantes puidesen regresar á vila tras facer o percorrido a pé, pero este ano, ao haber planificadas actividades pola tarde, empregouse tamén para axilizar o percorrido, que contou con representacións teatrais en cada parada que se efectuou.

Se ben nas primeiras edicións esta cita tiña lugar en dúas xornadas, este ano, por mor da pandemia, a organización decidiu concentrar a actividade nun só día. Planificaran concertos, unha feira artesá e numerosas citas paralelas na rúa, máis a situación sanitaria obrigou a minguar a programación. «O que non queriamos era deixar de facelo, porque sendo unha cita tan recente, se parabamos nestes dous anos do covid podería quedar esquecida», conta a presidenta da entidade, que dispuxo do apoio económico da Deputación da Coruña e da colaboración do Concello. «A intención inicial era ir introducindo cada ano novidades e facendo o programa máis amplo. O covid, no obstante, obrigounos a facer todo o contrario», apunta Olga, esperanzada porque o vindeiro ano se poida retomar esta festa con normalidade.
Trala chegada da dama italiana e coa animación musical dos grupos Vaiche Boa e Con toda en Banda, Camariñas prepárase agora para a que será a trixésima edición da Mostra do Encaixe. Se todo marcha segundo o previsto e a situación pandémica o permite, celebrarase entre os días 8 e 12 do vindeiro mes de outubro, trala cancelación das últimas dúas edicións presenciais por mor do coronavirus e a celebración doutras tantas virtuais.