Darío Areas: «Temos unha débeda eterna coa emigración e con Fernando Blanco»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana García

Turismo a toda costa | «Fernando Blanco de Lema, o home que foi quen de ollar máis aló»: baixo este lema ofrece Cee visitas guiadas gratuítas os venres de verán 

01 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o verán, turismo cultural. Por que non? Fernando Blanco de Lema, o home que foi quen de ollar máis aló: é baixo este lema que botaron a andar o venres en Cee as visitas guiadas polo legado do filántropo Fernando Blanco. Unhas visitas gratuítas que continuarán os venres de agosto e os dous primeiros de setembro, sempre con saída ás 11.00 dende o museo dedicado ao benefactor e baixo inscrición previa. Conducindo eses itinerarios está o coordinador do museo, Darío Areas, quen falou en Radio Voz.

—Un home que ollou máis aló.

—Fernando Blanco [Cee, 1796-Cuba, 1875] foi un avanzado á súa época. Nun momento no que nas zonas rurais non se apostaba pola educación e cultura, el soubo darse de conta da súa importancia para o progreso.

—Como foi esa primeira visita?

—Moi ben. Facemos grupos de máximo 20 persoas, porque o museo ten unhas dimensións reducidas. Anotáronse xusto 20 e ao final achegáronse 18. Participou xente que tivera vinculación co instituto [Fernando Blanco], antigas alumnas da Escola de Nenas... así que ademais de visita interesante foi emotiva.

—Unha grande viaxe no tempo neses 90-120 minutos que dura.

—Si [ri]. Normalmente acaba durando máis, é un período histórico de máis de dous séculos, dende finais do XVIII, ano 1796 no que nace Fernando Blanco, ata hoxe, porque o seu legado segue a estar moi vivo en Cee, cos dous centros educativos que levantou no seu momento. Un deles segue a funcionar con ese fin, o instituto, inaugurado no 1886, e a antiga escola das nenas, que se ben perdeu a función educativa, está acondicionada como museo para divulgar a súa figura e ese legado tan vital para Cee e comarca.

Ana García

—Xusto no museo comeza o itinerario. De aí ao instituto, á súa capela ou mesmo dependencias históricas. Que sorprende máis?

—Depende da tipoloxía do visitante. A todos en conxunto lles chama a atención como Fernando Blanco decidiu investir en cultura e educación, hoxe xa non son tan habituais esas doazóns de xente que se vai e que pensa nos que aquí quedan. No que respecta ás pezas do museo, aos máis novos chámalles a atención a historia natural: moluscos, minerais, fósiles, animais disecados... Os que teñen certa idade senten predilección pola capela; os que teñen formación artística admiran os cadros de Federico de Madrazo, unha xoia... Se teño que quedar con dúas pezas, diría que o primeiro teléfono de Cee, que se instalou no instituto Fernando Blanco no 1887, e un modelo anatómico de papel maché, desmontable, de extremo realismo. Contábame unha das señoras que de nena lle tiñan medo, crían que era de verdade.

—Vostede leva anos divulgando ao filántropo. Cre que aínda lle queda algo por descubrir del?

—Sempre que escarvas saen cousas novas. Dende que entrei na Fundación fixen moito traballo de investigación. Penso que case todo o sabemos. O importante é deixar claro ás xeracións vindeiras que houbo xente coma Fernando Blanco que aportaron o seu gran de area para que o futuro fose mellor. Temos unha débeda eterna impagable coa emigración e coa figura de Fernando Blanco. Na nosa zona diría que é coñecido por case todos, e en Galicia bastante coñecido, aínda que hai xente que non sabía del. Quizais os indianos máis famosos son os Naveira de Betanzos, pero Blanco foi fundamental, dos indianos máis importantes da nosa terra. Co programa O Mes da Fundación, en outubro, tratamos de achegalo a máis xente. Temos dúas seccións, unha para colexios, porque queremos que estea moi presente nas aulas, e outra para público xeral, con conferencias, música ou teatro, dúas actividades claves en Cee que naceron precisamente no instituto. Cando xa estudar era case imposible, imaxina estudar música ou teatro. Era algo utópico reservado aos fillos das clases ricas das cidades. Cee ten peso no teatro e na música grazas a Fernando Blanco. Foise con 13 anos, fixo fortuna e podía ter feito con ela o que lle apetecese, pero pensou nos nenos e nenas que aquí quedaran e quixo darlles un futuro mellor.

Ana García

—Quen se achega máis a estas visitas? Turistas, ceenses...?

—Hai de todo. Facemos visitas guiadas dende que abriu o museo, no 2001, pero estas de verán teñen un plus. Durante o curso escolar limítase o acceso ao interior do instituto, porque aulas, laboratorios, biblioteca ou sala de profesores están en uso. Agora no verán hai plena liberdade para acceder e entón si se achega moita xente de Cee que non o coñece, ou si, pero de hai moito tempo. Aí está a carga emotiva.

Para inscribirse. No propio museo, no 981 747 221 ou no correo fundacioncee@hotmail.com. Máis información no Facebook da Fundación Fernando Blanco. As visitas: os venres de agosto e os dous primeiros de setembro, ás 11.00.