
Crónicas históricas | Nova entrega con motivo dos 150 anos do pasamento de Fernando Blanco de Lema e da súa fundación
21 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como analizamos xa no artigo As cláusulas testamentarias do filántropo Fernando Blanco de Lema, entre as mandas do prócer ceense víronse favorecidas dúas entidades benéficas da illa caribeña. Neste texto coñeceremos unha delas deixando a outra, a Real Casa de Beneficencia y Maternidad, para posterior crónica. Así, a cláusula décima do testamento de Fernando Blanco, outorgado na Habana o 2 de outubro de 1875, establecía que legaba e doaba «a la Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia la suma de dos mil pesos en billetes del Banco Español».
O 31 de decembro de 1871, un nutrido grupo de emigrantes solidarios, reunidos no Teatro Albisu, inician unha das obras filantrópicas máis sobresaíntes realizadas polos galegos de ultramar: a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, nomeando como presidente interino a Ambrosio Tomati e como secretario interino a Pedro de Lago. Nesa reunión créase unha comisión encargada da redacción dos regulamentos, e outra co cometido de convocar para unha segunda xuntanza aos naturais de Galicia, e aos fillos destes, calquera que fose o seu lugar de nacemento. O 21 de xaneiro de 1872, nos salóns do Casino Español da Habana, celébrase a primeira xunta xeral, aprobándose os regulamentos da sociedade e nomeando a primeira directiva composta por Juan Mes (director), José García Barbón (tesoureiro), Joaquín Prieto Canel (secretario) e 24 conselleiros, entre os cales estaba Fernando Blanco e o seu primeiro testamenteiro, Juan Álvarez-Baldonedo Losada. Nese momento, preto de 200 socios comezan un longo camiño a prol da colectividade galega en Cuba.

A finalidade da sociedade era «proporcionar socorros a los naturales de Galicia y a los hijos de estos que soliciten el auxilio de esta Institución y residan en la Isla de Cuba». Estamos así ante unha entidade con fins benéficos, caritativos, protectores e asistenciais, con tres prioridades: socorrer con doazóns mensuais aos paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e sepultura en caso de falecemento, e asumir a repatriacións para os que tivesen que retornar. Podían asociarse á entidade todos aqueles galegos e os seus fillos cunha cota mensual dun peso e cabía a posibilidade de que se nomeasen socios benfeitores, «honrosísimo título» que se concedía a quen se considerase digno del polos importantes servizos prestados á sociedade. Ademais da súa misión de auxilio, protección e amparo, a vida da sociedade foi pródiga en manifestacións da máis nobre e meritoria labor cultural, organizando festivais, charlas e homenaxes.
Proba e exemplo diso é que baixo a súa advocación fundouse o Centro Galego da Habana nacido para instrución e recreo de naturais e descendentes de galegos radicados na illa de Cuba. Para elo, no 1906, a sociedade compra o edificio do antigo Teatro de Tacón e o rueiro no cal estaba situado por 525.000 pesos, e entre 1907 e 1915 construíuse o edificio actual cun custe de 1.8 millóns de pesos, obra do arquitecto belga Paul Belau.
É de destacar que para dar solución a unha das necesidades dos seus asociados, a de poder darlles sepultura aos seus seres queridos, constrúen o Panteón Social localizado no maxestoso Cemiterio de Colón da Habana. Baixo a presidencia da entidade a man de José Moure y Saco iniciouse a súa construción no 1933, correspondéndolle ao seu homólogo Juan Varela Grande inauguralo no 1936. Elaborado en granito e mármore, dispón de 472 nichos e 1.121 osarios, contando en cada esquina co escudo de cada provincia galega e no centro cunha escultura en bronce dunha familia aflixida. Constitúe un dos mais fermosos monumentos funerarios levantados polos galegos de Cuba.
Por Galicia e para Galicia é o lema da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, falando ben as claras dos obxectivos dos pioneiros que, con traballo, esforzo e tesón, deron vida á beneficencia galega no exterior.