Carta derradeira para o bibliotecario Mon Rey Senra

Miro Villar

CEE

Rey Senra, en una imagen tomada en el año 2004
Rey Senra, en una imagen tomada en el año 2004 JOSE MANUEL CASAL

IN MEMORIAM | Foi impulsor dun excelente Fondo Local, con sala propia na Biblioteca Francisco Mayán

22 abr 2025 . Actualizado a las 19:53 h.

Ordenar bibliotecas es ejercer, / de un modo silencioso y modesto, / el arte de la crítica». Jorge Luis Borges, Elogio de la sombra (1969). Coñecín a lutuosa nova de que finara o bibliotecario e historiador ceés José Ramón Rey Senra, o inesquecible amigo Mon, por unha mensaxe que recibín de Concha Blanco e despois pola nota de prensa que me enviou o poeta Modesto Fraga, cando estabamos na «aldeia histórica» de Linhares da Beira, en Portugal, un país que coma nós adoitaba visitar aínda que con preferencia pola costa, nomeadamente Póvoa de Varzim.

Como moi ben escribiu Víctor Manuel Castiñeira co seu pasamento «Cee perde outro dos gardiáns do noso pasado», impulsor dun excelente Fondo Local, con sala propia na Biblioteca Francisco Mayán, onde eu propio puiden consultar moitos materiais para diversos traballos de investigación literaria ou para os meus traballos académicos, como as teses de licenciatura e doutoramento, para as que sempre contei con algunhas achegas valiosas fornecidas por Mon, a quen moito lle agradecemos o seu labor e o seu asesoramento histórico. E celebrei os seus comentarios e achados, poñamos por caso cando me revelou que o «Programa de Fiestas de La Junquera. Cee, agosto 1952» incluía, en pleno franquismo, oito coplas en lingua galega, agrupadas de dúas en dúas, para introducir os actos festeiros de cada xornada.

Lembrou tamén Castiñeira o seu papel fundamental na súa relación con persoeiros tan senlleiros da localidade como o propio Francisco Mayán ou Baldomero Cores, con quen colaborou no seu proxecto da Historia de Cee. Moitas foron a súas viaxes a Mondoñedo e a Lugo con traballadores municipais para traer os milleiros de libros que o historiador Mayán legara á biblioteca que leva o seu nome. Mon tamén tivo moito a ver coas conmemoracións sobre a figura do arquitecto Domingo Antonio de Andrade ou en argallar xornadas divulgativas como o ciclo de conferencias «Lembrando a Baldomero Cores Trasmonte», celebrado en maio de 2017, con relatorios de Francisco Caamaño, Víctor Castiñeira, Juan Félix Neira, eu mesmo e o propio José Ramón Rey Senra que disertou sobre «Baldomero Cores nos fondos da Biblioteca Pública de Cee». E tampouco se debe esquecer esa posta en andamento das súas iniciativas dos concursos de Achegamento ao Libro, Teatro ou Marcapáxinas, nos que participaron milleiros de escolares da contorna e nos que foron premiadas persoas que logo principiarían unha importante traxectoria literaria.

Era Mon un escritor pouco prolífico, mais moi ben documentado. De feito fun eu atento e devoto lector das súas suxestivas crónicas sobre a «Historia anecdótica de Cee a través dos Libros de Actas do Pleno», publicadas anualmente nos Programas da Xunqueira, e que agora máis que nunca deberían ser compiladas nun libro, como sempre lle pedín que fixese.

Queda a lembranza da súa amizade e do seu carácter afable e retranqueiro, mesmo na derradeira conversa que tivemos pouco días antes de marchar, en momentos adversos da doenza, sinalaba que os seus longos paseos pola praia da Langosteira ían ter que esperar, mais que «para o ascenso de Depor a Primeira alí penso estar» ou analizaba a situación social sinalando con amargura que «estamos en mans de mentes diabólicas». Alén da profunda mágoa, aínda me custa crer que se fose tan cedo, sentín non poder estar na súa despedida e botaremos sempre moito de menos a súa xenerosidade en todos os sentidos. Apertas fondas para os seus. Sit tibi terra levis.