
Crónicas históricas | Nova entrega de Darío Areas no 150.º aniversario do pasamento de filántropo ceense
03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Moito deu de si a disputa xornalística xurdida a raíz do testamento de Fernando Blanco entre o periodista estradense Waldo Álvarez e os testamenteiros do prócer ceense. Álvarez Insua, promotor de importantes sociedades galegas na Habana e un dos principais valedores do rexionalismo galego en Cuba, chegara á illa no 1877, e axiña pensou na necesidade da publicación dun xornal que defendese os intereses dos emigrantes e espertara neles o sentimento de solidariedade.
Nacía así o semanario El Eco de Galicia no 1878, un dos medios máis destacados da emigración galega en América. A través del iniciou unha campaña contra os primeiros testamenteiros de Fernando Blanco, en especial Juan Álvarez-Baldonedo Losada, aos que acusaba de deixamento no cumprimento das últimas vontades do benfeitor, sobre todo no referente á construción do instituto. O 30 de setembro de 1879 enviou unha carta a Antonio Vázquez Queipo, nese momento testamenteiro en substitución de Álvarez-Baldonedo, na que incidía nisto, dado que dende a morte pasaran xa catro anos e medio «y nada se ha hecho (...) Si usted cree que este asunto se puede arreglar satisfactoriamente no lanzaré la primera piedra, porque no digan que me parezco a un acusador público». Vázquez non tivo a ben contestar e Álvarez decidiu «pasar ao ataque». Entre 1879 e 1880, os case trinta artigos publicados en El Eco de Galicia foron replicados, defendendo aos testamenteiros, no rotativo La Voz de Cuba por Rafael de Rafael y Vila, de orixe catalana.
Cartas incluso
Nestes medios, e noutros, fíxose un estudo do testamento e do inventario de bens, examináronse as xestións realizadas, e ata se publicaron cartas dos testamenteiros e veciños de Cee, sendo imposible recoller neste artigo todo o concernente á contenda en prensa. É indiscutible que Fernando Blanco depositara nos testamenteiros a súa confianza (...) e era tamén evidente que, a pesares do nerviosismo reinante na demora da construción dos colexios, pouco ou nada se lles podía reclamar.
O certo é que os centros educativos fixéronse, e non debeu ser esta un tarefa sinxela por mor dunha serie de inconvenientes que foron xurdindo e que Álvarez Insua non tivo en conta nos seus artigos.
Un deses contratempos, e que xerou polémica en Cee, foi o referente á localización do instituto. O fundador establecera que se levantara sobre o solar da súa casa natal e resultou ser un imposible. A superficie era insuficiente e, cando se contactou cos lindeiros para mercar as propiedades, estes pediron cantidades astronómicas. Así o manifestou Vicente Vázquez Queipo, apoderado dos testamenteiros, nunha carta remitida a Pedro Rial Mariño, alcalde de Cee.
Renunciaron os testamenteiros a esta idea inicial e buscaron un novo emprazamento nas aforas da vila, onde mercaron as parcelas necesarias a prezos máis baratos, reservando o solar da casa do mecenas para a Escola das Nenas. Todo rematou como era de esperar. Álvarez Insua foi denunciado por Álvarez-Baldonedo por inxurias e calumnias.
A xuízo e un perdón
Celebrado o xuízo, o fallo pronunciado pola Sala de lo Criminal de la Audiencia de La Habana, o 9 de febreiro de 1883, ditaminou que os feitos dados por probados constituían un delito de inxuria grave feita por escrito e con publicidade do que era responsable, por participación directa e proba de confesión, Álvarez Insua, condenándoo a unha multa de 625 pesetas e á pena de tres anos, seis meses e vinte e un días de desterro durante o cal «queda privado de entrar en los puntos que disten veinticinco kilómetros de esta ciudad de La Habana». Quedaba absolto do delito de calumnia.
Obtida por Álvarez-Baldonedo a sentencia, perdoouno presentando un escrito no que manifestaba que, unha vez obtido fallo favorable na demanda, estaba «satisfecho su amor propio y su honra». O 18 de marzo de 1883, Álvarez Insua publicou en El Eco de Galicia o que sería o último artigo relativo ao que se deu en chamar Asunto Blanco, sendo xa coñecedor do perdón de Álvarez-Baldonedo: «Felicitémonos del fin venturoso que ha tenido este asunto (...), bendigamos el benemérito nombre del hijo de Galicia que ha consagrado su inmensa fortuna (...) a la ilustración y enseñanza de sus semejantes».