Doce citas afianzan Vimianzo como referente cultural

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

O Concello vén de presentar o programa do auditorio para os vindeiros catro meses, ata maio

11 feb 2025 . Actualizado a las 17:47 h.

Vimianzo afiánzase referente cultural e, o seu auditorio, na Casa da Cultura, espazo de referencia para as artes escénicas. É o que se desprende do feito de que a compañía aAntena fixese aquí residencia para o seu máis recente espectáculo, Sol Fuerza, ou de que o Colectivo RPM vaia volver a Soneira coas súas Residencias Paraíso. Despréndese tamén do feito de que o Centro Dramático Galego elixise a localidade para unha das súas saídas a auditorios de Galicia, neste caso coa peza Manuela Rey is in da house, a historia dunha relevante muller para as artes escénicas galegas que houbo de marchar a Portugal. Entre este venres 14 de febreiro, cunha cita para alumnado do instituto Terra de Soneira, e o 10 de maio, haberá catro meses de programacion para adultos, presentada pola técnica Nieves Lema; a edila de Cultura, Rosa Blanco, e alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Ampla e variada

«Coma sempre, temos un pouquiño de todo. Temos cine, temos teatro, temos danza... Temos obras novas e queremos tamén sobre todo darlle visibilidade a actores e actrices da comarca. Tamén a temáticas como poder ser a emigración, no caso da obra de Tarabela Creativa», apuntou a concelleira. Foi Nieves Lema a encargada de ir debullando as diferentes propostas, todas para maiores de 12 anos, en tanto que o almanaque infantil darase a coñecer un pouco máis adiante. Diversidade e variedade, incidiu do seu lado a rexedora, facendo fincapé no caso da consolidación de Vimianzo como residencia para a creación cultural. Agradeceu Rodríguez a todo o equipo humano que fai posible estas propostas, así como a colaboración do Ministerio de Igualdade, a Deputación, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o Centro Dramático. As entradas pódense mercar en woutick.es ou na propia Casa da Cultura.

EN DETALLE

  • 14 de febreiro

Amorodo Teatro: «A Nai»: 11.00

  • 22 de febreiro

aAntena: «Sol Fuerza». 20.30 horas.

  • 7 de marzo

Ciclo Mulleres de Cine: «Secaderos», de Rocío Mesa. 20.00 horas.

  • 8 de marzo

Tarabela Creativa: «Boa sorte, mala fama», ás 19.00 horas.

  • 15 de marzo

Talía Teatro: «Un deus salvaxe»: 20.30.

  • 22 de marzo

Os Náufragos: «Noso», ás20.30.

  • 29 de marzo

Ainé Producións: «Continente María», ás 20.30 horas.

  • 5 de abril

Ibuprofeno Teatro: «Reconversión», ás 20.30 horas.

  • 12 de abril

Morraoconto: «Tromso», 20.30 horas

  • 26 de abril

Badius Teatro: «O parvo», 20.30.

  • 3 de maio

Colectivo RPM: Residencias Paraíso, ás 20.30 horas.

  • 10 de maio

Centro Dramático Galego: «Manuela Rey is in da house», 20.30 horas.

*Salvo para os espectáculos «A nai» e para o cine «Secaderos» (de balde), as entradas custarán 5 euros (2,5 reducida, acreditando ser estudante ou maior de 65 anos).