
Entre este mes de marzo e o de xuño chegarán á capital de Soneira varios espectáculos
11 mar 2025 . Actualizado a las 19:30 h.Entre este mes de marzo e o mes de xuño, a Casa da Cultura de Vimianzo acollerá unha nova edición do ciclo Primavera en familia, unha programación especial para os máis pequenos: «É un orgullo presentar unha programación tan variada e de gran calidade para os pequenos e pequenas da casa. O noso obxectivo é que as familias poidan gozar dunha tarde divertida, compartindo momentos moi especiais, e seguir enchendo de vida o auditorio», trasladou a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, no comunicado dado a coñecer polo Concello. As entradas poden adquirirse de maneira presencial no despacho de billetes da Casa da Cultura , de luns a venres, de 09.30 a 14.00, ou o propio día do espectáculo dende unha hora antes. Tamén se poden conseguir en liña a través das plataformas woutick.es (obras Maruxiña e Facendo o indio), entradium.com (función Inherente) e entradas.vigoplam.com (musical Blippi y sus amigos).
O programa, en detalle
23 de marzo: «Maruxiña». Ás 18.30 horas, coa compañía Aurora Artes Escénicas. Espectáculo para celebrar o Día do Teatro, organizado pola Deputación. A montaxe está inspirada no conto clásico «Polgariña», de Andersen, con música en directo e protagonizada por Alma e Laura Sarasola. Entrada: 5 euros.
30 de marzo: «Facendo o indio». Ás 18.30 horas, coa compañía Galitoon, divertido e didáctico espectáculo que achegará aos asistentes os costumes ancestrais dos indios americanos. A historia segue á tribo Pés Grandes: 5 euros.
6 de abril: «Inherente». Ás 18.30, cita co ilusionista Marcos Waldemar. Maxia, humor e teatro: 13.26 euros.
7 de maio: «Axudádeme a cantar». 11.00 horas. Espectáculo musical no mes das Letras. Felisa e Montse, fundadoras de Leilía, realizarán unha viaxe desde o presente ao pasado para descubrir as raíces da música galega. Actividade en colaboración co IES Terra de Soneira, e baseada na novela «Agora que vén a noite».
11 de xuño: «As Tareixas». Ás 11.00 horas, para público escolar dos colexios Baíñas e San Vicenzo. É o grupo finalista do certame Quero Cantar da Deputación. Ofrecerán un concerto.
13 de xuño: «Blippi y sus amigos». Ás 17.00 horas. Tamén neste caso, un espectáculo musical, un tributo para vivir en familia momentos inesquecibles. Entradas: 13 euros. «Con canciones pegadizas, bailes vibrantes y mensajes educativos», avanzan sobre este traballo.