Fran Núñez: «Fixemos un xoguete escénico arredor de Manuela Rey»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Unha actriz mindoniense descoñecida, de éxito, falecida con só 23 anos. É a base da obra que se poderá ver este sábado en Vimianzo da man do Centro Dramático Galego 

07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo despedirá este sábado a programación cultural que vén ofrecendo nos últimos meses e farao cun espectáculo de altura: Manuela Rey is in da house, unha produción do Centro Dramático Galego. Será ás 20.30 horas, na Casa da Cultura, o mesmo espazo dende onde onte deu detalles da función Fran Núñez, director do CDG e nesta peza responsable asemade de dirección escénica e dramaturxia. Poden conseguirse as entradas en woutick.es ou ben o propio día, dende as 19.30.

—É unha oportunidade para un municipio rural como Vimianzo que chegue aquí esta función.

—Estamos felices de que nos acollan, vai ser unha experiencia moi bonita cun espectáculo que paga a pena. Vir a Vimianzo é garantía de bo público.

—Vaiamos ao comezo. Hai que preguntar quen é Manuela Rey.

—Unha actriz do século XIX, nacida en Mondoñedo (1842) e que, con só seis ou sete anos, é dada en adopción a unha troupe itinerante de teatro. Acabou xirando por media España e Portugal, ata chegar a Lisboa. Morreu con 23 anos, moi noviña, sendo xa unha absoluta estrela do teatro portugués, a primeira actriz do Teatro nacional Dona María II de Lisboa, o máis importante naquel momento e tamén hoxe.

—Por que era a «muller lirio»?

—Din que pola súa delicadeza e fraxilidade ao actuar. En realidade, era xa a enfermidade.

—E que armaron en torno a ela nesta obra? Voz, teatro, música?

—Hai de todo. Semella que con todo o que contei o que poderiamos ofrecer é un funeral, unha historia triste, pero non, celebramos o tanto que fixo esta muller nesa pouca vida. Ademais de ser actriz, tamén escribía marabillas. O que fixemos foi un xoguete escénico para que a xente o goce.

—Escoitaremos os dous idiomas?

—Parte do elenco vén de Portugal, efectivamente, e o feito de ser mixto faino moi especial. Manuela is in da house é unha coprodución entre o CDG, o Teatro Nacional dona María II de Lisboa, o Teatro São João do Porto e o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo. Falamos tamén, por tanto, de algo histórico, poucas veces temos ás principais compañías do eixo atlántico traballando xuntas.

—Pasaron coa obra por Portugal e teñen xira por Galicia, xa visitaron as grandes cidades.

—En Santiago enchemos funcións e esta pasada fin de semana pasamos por Ribeira, Pontevedra, Vigo ou A Coruña. Un pracer. Dende a primeira escena, moi potente, o público conecta co espectáculo.

—Manuela era aquí descoñecida?

—Érao para todo o mundo, en Galicia e Portugal. Descubrimos unha actriz incrible, da que fixeron biografía aos dous anos de morrer. Como pode ser que a historia acabe borrando o que lle dá a gana? Facemos hora e vinte de espectáculo, pero o logo público segue buscando información, tamén a comparte con nós... É parte da misión do CDG rescatar o noso patrimonio. Dise nun momento do espectáculo: «Sen memoria non hai historia».

«É moi bonito a cantidade de capas que ten esta obra»

Na súa conversa con Radio Voz, Fran Núñez tamén fixo un convite: «Creo que o teatro debe ser sempre, e neste caso éo, para todos os públicos. Cada persoa que vexa Manuela Rey is in da house levará para a casa unha cousa diferente, e en realidade cousas que nós cando o fixemos [o espectáculo] nin pensabamos. Cando preguntamos sobre aquilo que máis chamou a atención, saen cousas moi distintas, ao final tamén depende da túa vida, do que vivises. A unha persoa que sexa adoptada ese momento de entregala sendo unha nena impactaralle especialmente; de non ser o caso, igual é unha escena máis». «É moi bonito a cantidade de capas que ten a obra», abundou Núñez. Neste senso, non só a recomenda para «curiosos» que desexan descubrir quen foi Manuela, senón tamén para non curiosos e incluso para quen pense que non lle gusta o teatro: «Este é un espectáculo para probar», asegura.

«Temos que agradecer o esforzo de Vimianzo»

Nieves Lema, técnica de Cultura de Vimianzo, agradeceu onte o achegamento ata Soneira de Núñez. El tamén deu grazas: «Ao Concello, polo esforzo de traer esta produción. Sabemos que é grande e nada sinxelo movela». Aportou detalles sobre a grandeza de Manuela: «Foi unha vida desgrazada ata o punto de que dous días despois do seu enterro saía no DOG da época que lle concedían unha pensión vitalicia como artista de mérito». Escritora comprometida, mais coa meirande parte de textos desaparecidos. Na súa biografía consta a autoría dunha obra teatral sobre catro mulleres pensada para representar por catro mulleres, «e iso no século XIX era unha grande rareza». Manuela Rey is in da house, avanzou, «é unha festa con música, escenas divertidas, visualmente moi potente». Mónica Rodríguez, alcaldesa, afirmou: «É moi importante que Vimianzo teña a oportunidade de disfrutar desta produción. Un concello pequeno, do rural, tamén ten que ter estas oportunidades». O convite de Núñez xerou verdadeira «ansia por participar e integrar o público».