
En primeira persoa | O vimiancés considérase «picheleiro e soneirán a un tempo»
12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha noite que viña canso para casa, conseguín aparcar o coche ao lado da Alameda á primeira. Toda unha sorte, tal e como estaba a cidade de turistas nese momento. Cando estaba collendo a chave para darlle ao botón e fechar sesión polo día de hoxe, un home dirixiuse a min e preguntoume: «Desculpa, es de aquí?». E eu contestei: «Si».
Nese mesmo instante, pasaron diante dos meus ollos as ameas do castelo de Vimianzo, o lume dos fachos do Asalto, os batáns parando en seco, unha botella de cervexa na Lareira caendo ao chan... Quedei tan bloqueado, que nin lembro a pregunta que veu despois. Respondera «si»; é dicir, «si, son de Santiago».
Pode ser que soe tráxico, que non é para tanto, pero no fondo algo se removeu dentro de min. «De onde es, paspán? Que pon no teu DNI?», parafraseando a ridícula pregunta. Pois poñer pon que nacín en Basilea, en Suíza. Son fillo de emigrantes, de Maricarmen e de Manolo, aínda aos dous anos vin para Vimianzo e crieime cos meus avós. «Un pleno no carné de galeguidade», que diría un compañeiro de traballo.
Suízo
Polo tanto, non son suízo, por máis que pasara moitos veráns aló, e de vez en cando preparemos algunha «raclette» na casa, ou cando me sae algo mal xure «Scheisse». Si, estou seguro, son soneirán. Pero houbo un momento no que me despeguei da miña vila. Cando marchei estudar con once anos para Compostela relacioneime con rapaces de diferentes partes de Galicia facendo que algo que me identificaba rapidamente se puidera perder: o sotaque. «Oh’de Vimianso baten co soco na asera». O zoco gastábase.
Sería ao comezar a carreira de Xornalismo cando fun consciente do importante que era non deixar de «bater na asera», xa fora «ahfalto» ou «semento». E iso en contra dos estándares lingüísticos que algúns supoñen máis correctos para falar nunha radio ou na televisión.
Infancia
Pero só a fala me fai vimiancés? Aí está a infancia: as miñas vivencias entre Trasariz e a Praza (si, son deses), aprender a bailar e amar a música tradicional nos «Encantos», coller ras cos meus irmáns no lavadoiro de Tufións...
Tamén na miña mocidade en Vimianzo inicieime nunha das maiores adiccións. Admítoo, aínda a estas alturas sigo caendo na tentación. Vaia onde vaia de viaxe, procuro se hai algún dolmen, xa pode ser na Bretaña ou na Costa Brava. Pobre de quen me acompañe, pero xa vai advertido. Grazas ao mapa de Roberto Mouzo e do Semescom, púxenme a buscar canta anta e mámoa había polos montes, catalogándoos na rede como un coleccionista. Durmía co mapa topográfico na mesa de noite, para coñecer os lugares que tantas veces lle escoitei nomear á miña nai: Cova Ladróns, as Borrallas, o Carboeiro, a Mina...
A meus pais custáballes entender por que perdía o tempo niso. Realmente estaba nacendo a miña vocación: o patrimonio cultural. A iso me dedico hoxe en día, a comunicar e divulgar o patrimonio, aínda que sigo sen poder pórlle un nome á miña profesión. Nin eu, nin as miñas amizades e familia. «Cousas antigas», como di miña nai.
O que nunca esperaba é poder traballar no Concello de Vimianzo, precisamente para dar a coñecer a máis xente os lugares que visitara nas miñas viaxes de adicción. Foi unha das etapas máis bonitas da miña vida e das que me sinto máis orgulloso. Facer por primeira vez visitas guiadas pola vila sacando aos turistas do castelo, pintar en Pedra Cuberta cos mesmos materiais que no Neolítico, moer millo no Mosquetín... Até me deixei bigote para meterme na pel de Evaristo Martelo e abrirlle o castelo de noite aos visitantes! A verdade é que un pouco friki si que son.
Asalto
Pero para frikis, todos os que nos metemos na organización de algo tan grande como é o Asalto ao Castelo, sen gañar nada a cambio. A nosa recompensa é ver como está Vimianzo eses días, o espírito que se respira e a euforia de rebentar as portas co ariete ao calor do lume.
E agora, a Muiñada, a irmá tradi do Asalto, que vai facer dez aniños conseguindo que un sábado calquera do mes de outubro non haxa onde durmir en Vimianzo, atraendo a bailadores de toda Galicia.
E escribo todo isto sentado na mesa da miña casa en Santiago, que é onde vivo e traballo. Cantos non se senten identificados con isto? Vives toda a semana (ou todo o mes) na cidade na que traballas, na que acabas creando as túas relacións persoais, pero no peito o «corasón» segue a bater co ese do «soco».
Son de Santiago? Se boto contas, xa non sei en que lugar vivín máis días da miña vida. Así que, un pouco picheleiro si que son, picheleiro e soneirán a un tempo. Onde podo pedir a dobre nacionalidade?
DNI
Manuel Rial Santos. Intérprete e divulgador do patrimonio cultural, licenciouse en Xornalismo e conta cun mestrado en Servizos Culturais pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende a empresa compostelá Trivium desenvolve actualmente diferentes proxectos por toda Galicia, desde a creación de museos e centros de interpretación á organización de eventos e outras accións de valorización do patrimonio. Forma parte da organización do Asalto ao Castelo e coordina a Muiñada de Vimianzo, que celebra a décima edición os próximos 17 e 18 de outubro.