
A científica ultima unha tese sobre a influencia do virus da hepatite B no cancro de fígado
02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai veces na vida nas que é preciso esvarar para acabar atopando o verdadeiro camiño. É xusto o que lle pasou a Paula Otero Sánchez (A Estrada, 1995) cando a nota non lle alcanzou para entrar na carreira de Medicina. «O desgusto foi grande, pero a alegría que veu despois moito máis», conta a investigadora. «Eu quería entender como funciona o corpo humano. No meu descoñecemento, crin que tiña que facer Medicina, pero como non me dou a nota para entrar, acabei facendo un ano de Enfermería coa idea de repetir Selectivo. Entón dinme conta de que o que tiña que ver coa parte asistencial era o que menos me gustaba. De feito, tiven unhas prácticas no hospital e aguantei unha semana. Dáme vergoña telas deixado, pero empatizaba demasiado e volvía fatal para a casa», explica.
«O que quería era aprender como se regula o corpo e que é o que falla cando hai unha enfermidade, así que finalmente matriculeime en Ciencias Biomédicas en Lleida», conta. Alí Paula atopou a súa auténtica vocación. Tivo o mellor expediente da súa promoción e a oportunidade de presentar nun congreso en Estados Unidos o seu traballo de fin de grao, sobre as mutacións do seu propio xenoma.
De volta a Galicia, Paula fixo o Máster de Xenómica e Xenética que entón estreaban a UVigo e a USC e gañou un contrato para facer a tese e impartir clase na Universidade como profesora de apoio. Foi cando, baixo a dirección de José Tubío, referente nacional na xenómica do cancro, comezou a traballar nunha tese que está a piques de ver a luz a pesares de ter pillado polo medio unha pandemia e o nacemento da súa primeira filla.
«A tese parte dun estudo do grupo de traballo de Xenomas móbiles do CIMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas). Cando analizabamos o xenoma de persoas con cancro de fígado viamos pegadas da hepatite B. Viamos que o virus xogaba un papel no desenvolvemento dese cancro», explica a investigadora.
Cambios premonitorios
«A miña tese afonda na relación entre o virus da hepatite B e o cancro. A hepatite B é unha infección crónica causada por un virus. Algunhas persoas con ese virus co tempo acaban desenvolvendo cáncer de fígado. O virus xoga un papel fundamental que empeza moitos anos antes de que apareza o cancro. O virus vai modificando as células sen que nos deamos conta e ao final todo se dispara», explica Paula Otero.
«En lugar de estudar o xenoma do cancro estudamos o xenoma das persoas que teñen hepatite B. Estas persoas teñen un fígado que non é normal, pero tampouco é canceroso. A tese afonda en que é o que pasa para que todo se dispare», conta.
A tese estará entregada dentro dun mes, pero o proxecto durará aínda tres ou catro meses máis para ampliar a mostra. «Temos conclusións para un número de pacientes limitado, pero queremos ampliar a mostra. De momento o que podemos dicir é que o virus afecta cambiando o xenoma das células e inducindo mutacións cando aínda non hai cancro», explica a investigadora.
A hepatite B non é a única causa que pode derivar en cancro de fígado. «Hai outros factores que poden influír, como o consumo excesivo de alcohol ou o fígado graxo, que non se controla», apunta Paula Otero. Sen embargo, «o cancro en persoas con hepatite B é frecuente e moi relevante, xa que a hepatite B afecta ao 4% da poboación mundial, aínda que é máis prevalente nos países asiáticos que aquí».
Neste punto, a investigadora fai fincapé na importancia da vacinación. «No caso do cancro derivado da infección por hepatite B, a prevención aquí é doada porque temos unha vacina no calendario oficial de vacinación e funciona ben. O problema vén cando, aínda estando dispoñible, non se pon. Sen querer sen tremendista, as correntes antivacinas son un perigo. Traen problemas que non había. É algo que empeza a desbocarse. Nas nosas mans está previr», advirte.
Coñecer para vencer
A tese de Paula Otero abre unha porta á esperanza. «Se somos capaces de identificar o patrón cando aínda non hai cancro podemos ter unha pista. Cando entendemos o que pasa podémonos anticipar. O coñecemento é o primeiro paso para desenvolver unha terapia. Estamos aínda no primeiro chanzo, pero se entendemos o que ocorre e como ocorre, cun pouco de sorte, no futuro seremos capaces de facerlle fronte», prognostica a investigadora.

Aficións e soños
A Paula gústanlle moito a Fórmula 1 e os deportes de motor en xeral. Tamén nadar. De nena gañou algunha medalla en salvamento acuático. Agora nada menos, pero goza vendo iniciarse á súa filla Olivia.
O seu soño é poder seguir investigando en Galicia e dar clase na Universidade. «É moi difícil ser científica aquí sendo nova. Case imposible se non te vas fóra antes. Eu son de aquí e é o sitio no que me gustaría estar», di.