Prepara unha exposición itinerante para o 2023 e novos proxectos
15 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Reino de Galicia volverá ser o motivo estrela do departamento de Cultura da Deputación para o vindeiro ano. A principios do 2022 o ente provincial presentaba este proxecto poliédrico que ten como obxectivo coñecer a historia medieval galega. No 2023 afondarase aínda máis neste tema cun orzamento de 421.000 euros, algo superior á cifra coa que comezou o proxecto. Terá tres liñas fundamentais de traballo: unha grande exposición itinerante que percorrerá as principais vilas e cidades; a segunda edición do concurso de proxectos sobre o Reino de Galicia, orientado a empresas da cultura, o patrimonio e o turismo; e o desenvolvemento de contidos divulgativos dirixidos ao grande público, tanto en formato físico como dixital.
Deste xeito se dará continuidade ao xa realizado ao longo deste 2022 pola área de Cultura, que tivo como elemento máis recoñecible o Congreso Internacional do Reino de Galicia, celebrado no Museo do Pobo Galego baixo o comisariado de Anselmo López Carreiras. Tamén destacaron as 20 iniciativas culturais financiadas dentro do Certame de proxecto, convocatoria que espertou unha exitosa reacción no sector xa que se presentaron 127 candidaturas.
Segundo apunta o deputado de Cultura, Xurxo Couto, «trátase de poñer en valor un elemento central da nosa historia, a do Reino de Galicia, que merece ser rescatada da ocultación que padeceu na historia que nos contaron e que , sobre todo, ten que ser divulgado aos propios galegos». «Sen estudar esta parte da nosa historia non é posible hoxe comprender a propia existencia e as relacións galegas con Portugal, o porqué da inventio da tumba do apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do Medievo peninsular, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta irmandiña ou a propia existencia dun panteón real na catedral de Santiago», esgrime o deputado.
Este ano os proxectos seleccionados foron: Crónicas dunha desmemoria (O Cable Inglés), Forega_web de Fortalezas do Reino de Galicia (Trivium Estratexias), A faia de Ponthus. Le Roi de la Galice (Central Folque-Noente Paradise), Os reis e as raíñas de Galiza. 1000 anos dun reino de seu (Sermos Galiza), O Reino de Galicia. Coñecer o pasado para construír o futuro (Orgullo Galego), O Reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVIII (Orestes Comunica), Teaser de animación 3D: o avó das patacas cóntanos a historia de Galicia (Jorge Juan Costas), Proxecto multimedia de divulgación do Antigo Reino de Galicia (Ciencia Galega Industrias Creativas), Cartafol de ilustración (Maos Innovación Social), Falemos do Reino de Galicia (Suseia Sociedad Cooperativa Galega), Terra das raíñas (Gabriel Penabade), Urraca. A pioneira do feminismo (Arraianos Producións), «Eu son de vos muito maravillado» (Sirgo Torcendo), Don García. O Reiciño de Galicia (Manuel Pena Villar), A Historia do Reino Medieval de Galicia explicada por Teodoro e Atanasio (Culturactiva), O vestixio do Reino de Galicia na Catedral de Santiago (Martela Films), Soldadeiras (Carolina Rubirosa), Reino no mapa (Mazarelos), 19. Papagaio. Viaxe á Galicia medieval (Abraham Carreiro), e A letra do Reino (Alberto Sánchez Regueiro).
A Rede Cultural
A área de Cultura segue a financiar programas fundamentais para os concellos, como a Rede Cultural, con dous millóns de euros para promover «o maior programa de actuacións da provincia». Destaca tamén o apoio que a Deputación presta á Orquesta Sinfónica de Galicia con 1.500.000 euros. As bolsas para estudos de investigación e artísticas incrementáronse un 30 % no actual mandato.
Doce premios para recoñecer o talento nas disciplinas culturais
Un ano máis, a Deputación difundirá obras e autores de merecido recoñecemento a través dos seus consolidados premios, algúns deles bianuais. Para o 2023 están convocados o Torrente Ballester, o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, o Castelao de Banda Deseñada, o Manuel Murguía de Ensaio, o Rafael Dieste de Textos Teatrais, o Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, o concurso Quero cantar de música infantil e xuvenil, o concurso Fran Pérez Narf para grupos de artistas musicais, o Premio Andrés Gaos de composición musical, o certame de arte Isaac Díaz Pardo, o Luis Ksado de creación fotográfica e o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.
O pazo de Mariñán acolle as residencias artísticas para proxectos musicais, literarios e sobre o pensamento
Foi unha das maiores innovacións culturais no actual mandato. A Deputación da Coruña estreou as Residencias Artísticas Mariñán para promover a creación en galego co pazo bergondés como escenario, e estadías de 14 días para os candidatos seleccionados. Un xurado escolleu aos artistas para as residencias, que se desenvolven en dúas quendas, unha celebrada en xullo e outra ao longo deste mes. Na primeira participaron Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo (literatura) e Paula Domínguez e Judith Ruso (pensamento). En decembro é o turno de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en letras, e Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández en pensamento.
O pazo de Mariñán xa acollera unha iniciativa previa relacionada coa convivencia artística, no marco do programa Patrimonio GZ Sons! «Daquela fora o produtor Raül Refree o que encabezara unha residencia artística desenvolvida en marzo xunto a compiladores e artistas referenciais da música tradicional galega», indican fontes da área de Cultura da Deputación, que lembran que as Tanxugueiras formaron parte deste proxecto.
Seguindo coa música, a primeira formación musical que desenvolveu a súa estadía no pazo de Mariñán foi o dúo Caamaño&Ameixeiras en maio, a quen seguiu Berto. O pasado mes de novembro desfrutaron da residencia Mario G. Cortizo, cun proxecto ponte entre a percusión tradicional e a contemporánea, e Xacobe Martínez Cuarteto Federal, músicos da periferia da Península coa improvisación jazzística como fío condutor.
Neste ano foron cinco as artistas que participaron no proxecto LabCareixa, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais. Estivo comisionado por Sergio Marey, baseouse nun «novidoso proceso de experimentación, formación e creación artística colectiva». O resultado final de todo o proceso foi a construción e presentación dunha peza escénica de natureza performática, que se exhibiu no pazo de Mariñán.