A Deputación mellora a rede de estradas máis longa de toda a provincia da Coruña
A CORUÑA
![Obras na Avenida de Santa Cristina, sufragadas pola Deputación da Coruña.](https://img.lavdg.com/sc/nGzS8He8DXlaN1GNcgRzVZm4ZjI=/480x/2025/01/30/00121738260962599763987/Foto/HF3C5F1_191434.jpg)
Son 2.000 quilómetros que cubrirían a ida e volta de A Coruña a Barcelona
03 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación da Coruña ten que facer fronte a unha rede de estradas que cubriría o traxecto de ida e volta entre A Coruña e Barcelona. Son 2.100 quilómetros de vías que supoñen un importante gasto en obras de mantemento para a institución provincial. Neste 2025, o orzamento prevé unha inversión inicial de 24.782.955 euros en todo o departamento de Vías e Obras, dos que máis da metade (13,1 millóns) se reservan para o plan de conservación de estradas, unha partida que medra un 3,6 % con respecto ao 2024.
Para dar unha idea da dimensión da titularidade de tantas vías na provincia da Coruña, a Deputación acumula nos dez últimos anos (2015-2024) un total de 533 obras na súa rede conformada por 421 estradas, preto de 100 millóns de euros en investimentos (96,9), outros 131 en conservación e, a maiores, a construción de 65 quilómetros de sendas peonís. As vías provinciais soportan a diario unha media de 400.000 desprazamentos. De feito, na provincia da Coruña, á marxe das estradas de titularidade municipal, a Deputación é a Administración con máis quilómetros de asfalto, con 2.100 por 571 do Estado e 1.725 da Xunta.
O Plan Estratéxico de Estradas da Deputación da Coruña 2024-2029 recolle o proxecto de «racionalizar» esta rede viaria. Trátase de «concentrar os esforzos nas vías que máis o necesiten, xa sexa polo seu risco potencial, ou para adaptar a súa capacidade e trazado ás características dos tráficos que soportan».
Respecto á seguridade viaria, esta rede conta con 380 quilómetros de beirarrúas ou sendas peonís, «pero é necesario seguir actuando neste campo para incrementar a seguridade». Deste xeito, o Plan de Sendas do 2025 conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros, unha cifra que medra un 11,6 % con respecto ao ano pasado.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, é tamén a responsable da área de Vías e Obras na Deputación da Coruña dende outubro do 2023. Apunta que este ano trae importantes proxectos, como o de Carballo-Portomouro, ou a mellora do trazado entre Coristanco e Santa Comba. «Alí hai unhas curvas moi perigosas e faranse novos trazados para corrixilas, tamén abordaremos varias pontes», sinala a deputada provincial. Este ano tamén está a piques de rematar a transformación da avenida de Santa Cristina, no municipio de Oleiros, onde a Deputación realizou unha inversión de 1,7 millóns de euros en 400 metros de vía.
Rodríguez engade que «moitos dos proxectos que se están redactando (ben desde os Concellos ou desde a propia Deputación), levan unha senda, como mínimo por un lado».
Con todo, a Deputación intenta reducir a súa lonxitude de estradas, especialmente nos tramos que atravesan vilas ou concellos, un proceso que fai a través do Plan de Transferencias, dotado este ano con 1,5 millóns de euros. «Hai moitos tramos onde non ten sentido que a estrada sexa provincial porque están dentro dun único concello ou atravesando unha malla urbana», sinala Mónica Rodríguez. «Na Deputación facemos traspasos cunha renovación ou mellora previa, é dicir, primeiro os rehabilitamos e despois facemos a transferencia aos concellos. Este ano temos algo máis de dez municipios onde se vai transferir algún tramo», conclúe Rodríguez.
![Cerceda celebrou unha carreira solidaria na vía verde.](https://img.lavdg.com/sc/EUCGaZbLdchndfIt2NfNSBH00c0=/480x/2025/01/30/00121738262522303964608/Foto/HF3C5F3_194021.jpg)
A maior vía verde de Galicia medrará ate os 36 quilómetros, que unirán Cerceda con Santiago
A Deputación coruñesa segue a traballar na mobilidade sostible. Sen dúbida, o seu proxecto estrela neste eido é a vía verde que une Cerceda, Ordes, Tordoia e Oroso, unha ruta de 26 quilómetros que a fai a máis longa de Galicia destas características.
Pero a ruta non remata aí. Actualmente estase a traballar na confección de dez quilómetros máis ate unir Oroso con Santiago, «contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona», sinalan fontes da institución provincial.
Deste xeito, a denominada Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle chagará aos 36 quilómetros de senda para camiñar ou andar en bicicleta sobre as antigas vías do ferrocarril.
Para o goberno provincial, un proxecto deste calado é un exemplo de colaboración institucional entre os Goberno de España, a Deputación da Coruña e os concellos implicados.
Pero a vía verde non é só un recurso para a mobilidade sostible, senón tamén un medio de dinamización do turismo. Proba diso é que proxecto presentado pola entidade que preside Valentín González Formoso conseguiu un Plan de Sostenibilidade Turística en Destinos por parte do Goberno central. Así, ademais de financiar parte da infraestrutura, este plan permitirá cubrir outras accións importantes. Por exemplo, a vía verde disporá, grazas a estes fondos, de áreas de descanso con pérgolas axardinadas; haberá un mapa virtual con recursos de turismo gastronómico; a vía estará vinculada ás feiras locais do entorno para impulsar os produtos locais; instalaranse fontes de auga e tamén áreas de carga de bicicletas eléctricas. A achega estatal para estes proxectos ascende a 1,4 millóns de euros.
Pero esta vía verde de referencia pódese considerar a guinda dun plan de mobilidade sostible moito máis ambicioso, como amosan os máis de 130 quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia que a Deputación da Coruña puxo en marcha nos últimos anos. É o caso da senda ZEC que bordea o encoro de Cecebre, nos municipios de Cambre e Abegondo, na comarca da Coruña.