Paula Mouzo, PP de Camariñas: «Hai que gastar mellor e con menos impostos»
ELECCIONES 28M

A carreira electoral | A nova candidata popular leva no seu programa un plan municipal de turismo e cre que a Mostra do Encaixe precisa unha reforma
12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Paula Mouzo Mas, percebeira de 37 anos, é de Camariñas (do municipio e da parroquia). Deu un salto na lista do PP, xa que hai catro anos ía de número dous, con Mauricio Aufiero. Formou parte da candidatura popular nas eleccións ao Parlamento de Galicia, e forma parte do comité provincial.
—Como se decidiu a dar o paso?
—Non é unha decisión sinxela. Pero en Camariñas temos un goberno acomodado, xa está ben de conformarse e de favoritismos. Eu quero dicirlle aos meus veciños do meu pobo que é posible outra política local, que temos futuro e podemos facer as cousas doutro xeito.
—Xa tiña algo de experiencia.
—Si, levo catro anos na política municipal. Agora, levo unha lista totalmente nova, pero con xente experta en política local. É un proxecto novo, de futuro.
—Como analiza os catro últimos anos de goberno socialista?
—Temos un problema na xestión de débeda dende hai moitos anos no noso concello. Agora mesmo, o urbanismo que nos deixan é terrible. As fachadas marítimas de todas as parroquias, desfeitas; a área de reparto, sen desenvolver. Non temos solo industrial. En Camariñas, no primeiro trimestre deste ano, non se creou ningunha sociedade mercantil, mentres que noutros concellos como A Laracha ou Malpica naceron seis. Non temos un proxecto que venda Camariñas como produto turístico, que aposte pola valorización do noso patrimonio e natureza. Aquí temos unha natureza espectacular. A Mostra do Encaixe necesita unha reforma: levamos anos tras ano co mesmo sempre, non hai nada novo, nada que destaque. O palillo non se valora economicamente. Temos un concello empeñado en 2,6 millóns de euros, é terrible. Estamos empeñados e intervidos, é necesaria a estabilidade financeira. Todos son cargas e uns valores catastrais absurdos. Queremos menos tributos, menos gastos innecesarios, e axilización dos trámite administrativos.
—Que destaca do seu programa electoral?
—O que máis me preocupa é atallar a xestión económica: hai que gastar mellor con menos impostos. Hai que apostar pola xestión de servizos compartidos con outras Administracións, ou mancomunada. O turismo é un eixe fundamental, levamos un plan de turismo para Camariñas e un proxecto Man de Camelle para adornar e vender Camelle coa súa arte, e tamén reconstruír a súa caseta, algo moi importante. É unha mágoa que se deixase chegar ao estado no que está. E en canto a obras, o paseo marítimo, o dragado da dársena, a mellora estética da fachada, unha escola taller de hostalaría, o ximnasio municipal, un punto limpo... Na Ponte do Porto, a segunda parte do paseo marítimo e o paseo fluvial da Xunqueira, unha Casa da Cultura e a restauración da ponte medieval; a reforma do parque infantil, accesos ao campo de fútbol... E máis para todas as parroquias.
A LISTA
1. Paula Mouzo Mas
2. Juan Carlos Amado Sambade
3. Manuel Mejuto Ríos
4. Marta María Mouzo Pose
5. Marta Castro Romero
6. Cándido González Romar
7. Adrián Moreira Rodríguez
8. María Luz Vigo Tajes
9. Yulisa López Canosa
10. Adrián Lado Andrade
11. Romina Soneira Bermúdez
12. Modesto Baña Soneira
13. Fernando Vigo Canosa
Suplente: Sandra Carril Romero
PREFERENCIAS
A que hora se ergue? 8.30, depende
Que almorza? Tostas con aceite, froita...
Prato preferido: Caldo, un deles
Que non comería? Insectos
Bebida preferida: Zume
Equipo de fútbol: Barcelona
Que coche ten? Citroën Berlingo
Unha afección: Fútbol sala
Un lugar: Reira
Unha rede social? Facebook
ARTES E LETRAS
Escritora, escritor favorito: Rosalía de Castro
Último libro que leu: Costa da Morte, soños e naufraxios
Última película que viu: El lobo de Wall Street
Un artista: Gaudí
Un actor: Brad Pitt
Unha actriz: Charlize Theron
Un cantante: Luz Casal
Tipo de música: Moitísima, de todo
Deporte que practica: Fútbol
Unha viaxe pendente: Exipto