Higinio González, en «De 0 a 100»: «As investigacións de Aerolab con drons pretenden democratizar o acceso ao ceo»
DE 0 A 100
O programa de La Voz, realizado en colaboración coa Consellería de Educación, contou como convidado co investigador principal de Aerolab, centro investigador no campus de Ourense ligado á UVigo. González deu detalles sobre proxectos que dende Galicia se están realizando para que as aeronaves non tripuladas axuden tanto en catástrofes coma en profesións de risco
06 nov 2025 . Actualizado a las 14:14 h.Físico de formación, o director do Instituto de Física e Ciencia Aerospacial (IFCAE) da Universidade de Vigo, Higinio González, é ante todo un namorado da súa profesión. Moi cedo empezou a interesarse polo ceo e, no programa De 0 a 100, que impulsan La Voz e a Consellería de Educación, contoulle a alumnos de bacharelato do IES Eduardo Blanco Amor da cidade de Ourense, que foi «un dos primeiros pilotos de drons que houbo na península». Co paso do tempo conseguiu poder adicarse a súa paixón, un entusiasmo que tentou trasladar aos rapaces que asistiron ao encontro mantido no que foi tamén o instituto do poñente nos anos 90.
«Os centros investigadores tentamos que o que hai uns anos parecía ciencia ficción, como poder gravar tomas aéreas en producións audiovisuais ou que un robot limpe a nosa casa, acabe convertíndose nunha realidade», sinalou de inicio para abordar despois algúns dos proxectos concretos que impulsa Aerolab, centro investigador do campus de Ourense ligado á Universidade de Vigo no que traballa. Un dos máis recentes é o bautizado como Radiance, que se realiza a nivel europeo pero se coordina dende Galicia co obxectivo de desenvolver solucións robóticas para inspeccionar, reparar e aislar fachadas; drons de limpeza de edificios; e mesmo aeronaves non tripuladas capaces de aplicar recubrimentos a fendas. «Por unha banda, hai unha necesidade moi grande de profesionais no sector da construcción. Por outra, é un sector aínda pouco dixitalizado e con traballos verticais e en altura de moito risco. Aí é onde entramos as 14 entidades de oito países europeos diferentes que lideramos esta iniciatica: até agosto de 2029 imos estudar como drons ou exoesqueletos poden axudar a reparar e construír máis e mellores vivendas».
Premiado pola investigación espacial
González, que mantivo un encontro con 14 alumnos de STEMbach, que cursan este bacharelato de excelencia no centro de secundaria ourensán, animou aos mozos a seguir ligados á ciencia e a investigación, «coa axuda da intelixencia artificial». Unha idea que xurdiu despois de que un dos asistentes se interesase polos códigos de programación que se empregan para que as aeronaves non tripuladas, os drons, fagan diferentes funcións. «Aínda que exista a IA, e nos axude á hora de realizar código, iso non quere dicir que non teñamos que seguir formando as nosas estructuras mentais para conseguir chegar á finalidade que nós, os humanos, decidamos», puntualizou.
O investigador principal de Aerolab nomeu outros proxectos realizados no campus ourensán coma Saril, no que os drons ao estar xeolocalizados poden chegar a escenarios catastróficos; ou Eagle, que emprega estas naves non tripuladas co obxectivo de manter infraestructuras en entornos hostís, coma parques eólicos mariños.
Unha serie de avances que hai anos parecían imposibles pero que como paso do tempo está facéndose non só máis accesibles, senón unha «realidade». «En Aerolab —falou nas aulas González—, coas nosas investigacións, buscamos democratizar o acceso ao ceo».
Pero Aerolab, está chegando cada vez máis alto e, recentemente, recibiu o premio Espacio da Fundación Enaire por mor dun estudo que empregaba a IA para localizar lixo no espazo e eliminalo. «Empregando unha metáfora viría a ser un camión da basura que vai recollendo os restos. Nos últimos anos multiplicouse a presenza de satélites que non están operativos e iso acaba sendo un problema para infraestructuras que sí están activas e son decisivas no noso planeta, coma o emprego da tecnoloxía GPS», concluíu.
- Accede aquí a todos os contidos do programa De 0 a 100: https://www.lavozdegalicia.es/especiales/de0a100/.
- Goza da nosa lista de reproducción en YouTube con máis de 30 encontros con referentes do mundo da ciencia, a tecnoloxía, a investigación e o emprendemento.