Máis que amor frenesí en Mugardos por «un manxar único»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida MUGARDOS / LA VOZ

MUGARDOS

Exaltación do polbo ata nas vestimentas, na festa do ano pasado.
Exaltación do polbo ata nas vestimentas, na festa do ano pasado. JOSE PARDO

Os 3.000 pratos de polbo á mugardesa irán acompañados de 3.000 pratos de empanada nesta tradición

11 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto amor amosa Mugardos polo polbo que ata os seus veciños seleccionan as mellores camisolas para exaltar tan suculento cefalópodo. Xa na pasada edición desta Festa do Polbo, que chega á súa 33 edición este sábado, houbo ata peluchiños e gorros que simulaban os oito brazos deste intelixente (e saboroso) animal. Recorda a concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Gómez, que «temos unha longa historia de exaltación do polbo mugardés».

Que ten de especial o prato que preparan en concreto en Mugardos? «Pois que é único no mundo, non atoparás unha preparación similar no resto do planeta», indica a edila. E a continuación, enumera con precisión a receta: «Ti fas un sofrito con cebola, allo, pemento roxo, pemento verde... e despois acabas de guisar o polbo nesa salsa».

Nesta cita organizada polo Concello, haberá 1.900 quilos deste «manxar único» que se repartirán entre 3.000 racións. Ademais, haberá outras 3.000 racións de empanada. «O polbo á feira faise en calquera parte de Galicia, pero o polbo á mugardesa só se fai aquí», reitera a concelleira. Claramente, tan rico prato convertiuse «nun dos atractivos turísticos da vila, con este evento que é un dos máis importantes de todo o ano».

Máis que amor frenesí polo polbo.
Máis que amor frenesí polo polbo. JOSE PARDO

A cita gastronómica sempre coincide co segundo sábado do mes de xullo, e serve de aperitivo ás tamén famosísimas festas do Carme que se celebrarán na seguinte fin de semana.

Os mugardeses, as mugardesas e os seus veciños teñen aínda máis troula por diante. Como indica a concelleira do ramo, Begoña Gómez, «as festas do Carme serán os días 18 e 19, o venres teremos dous tributos con Virtual Project con versións dos grupos dos 70 e MU2 que versionan aos irlandeses U2».

E o sábado chegan as verbenas coas orquestras Origen e Pasión. O 20 de xullo haberá tardeo con Nunzia e Javi Rey no Cantón de Cora. En canto ao turismo, «xa se está notando desde xuño que chega moita xente, en canto empeza a facer calor a xente xa escapa para aquí». Veñen moitos visitantes mesmo a pasar o mes enteiro, «en alugueiros ou en segunda residencia».