
Foi un rapaz de aldea, pero non un ninguén. Celebramos o autor homenaxeado este 17 de maio, que foi dende México a ponte de todos exilios galegos polo mundo. E que coñeceu á súa muller, Celia, como vendedor de calzado fino...
13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A gran figura literaria do exilio en México, unha descuberta para moitos galegos ao ser homenaxeado o Día das Letras deste 2022, foi un rapaz de aldea, mais non un ninguén. Florencio Delgado Gurriarán naceu o caloroso 27 de agosto de 1903 en Córgomo. No seu paraíso valdeorrés pasou só 14 anos dos seus 83 de vida, suficientes para sementar a fidelidade á lingua do autor.
Florencio era de familia burguesa, tanto pola rama do pai como pola da nai. Pertencía a un estamento social que neses comezos do século XX debía usar o castelán, mais na súa casa «falábase a lingua que se empregaba na eira, no terreiro e no adro», achega o profesor e académico Xesús Alonso Montero. A aldea, a nai da causa de toda unha vida. «De aí vén parte do seu galeguismo», di o ensaísta.
En Córgomo, nese galego co que estreou o mundo, está o óso do intelectual e poeta que morreu no exilio en Fair Oaks (California), en 1987, xusto un mes antes do atentado no Hipercor de Barcelona, como apunta o escritor Héctor Cajaraville no estudo creativo Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade.
«A súa era unha familia da burguesía valdeorresa. El puido telo moi fácil, como os ricos, pero quixo complicarse a vida. Tivo que marchar máis de 40 anos polos seus ideais. En México tamén puido ter unha vida tranquila, pero estivo involucrado en todas as iniciativas galeguistas no exilio», afirma Cajaraville. A guerra civil só lle deixou unha opción razoable: fuxir. «Fíxoo por consello do seu irmá Lucio, que foi xefe da Falanxe na zona de Valdeorras. Florencio, no sentido político, é a ovella negra da familia. Pero el cría nas cousas que cría e levou iso ata o final», remata.
En palabras de Alonso Montero, un dos grandes valores de Delgado Gurriarán é a coherencia. «El ten unha biografía cívica e filoloxicamente exemplar», afirma o doutor en Filoloxía Románica. E a patria comezou na matria. «El é un poeta das cousas e das causas. Pero en Bebedeira, salvo un, son todos poemas matrióticos, poemas que cantan a matria, a pequena patria. Delgado Gurriarán era un poeta moi vital, que recitaba, cantaba, era bailarín, moceiro...», subliña o autor de Informe -dramático- sobre la lengua gallega, obra que o ano que vén cumprirá o medio século.
Hai catro (ou cinco) obras para coñecer ao poeta, que participou na fundación do Partido Galeguista, fixo a revista Vieiros —a publicación de referencia da nosa cultura—, e foi sempre un namorado da terra, da lingua, do viño, as festas, a natureza e a fala de Valdeorras: Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro e Cantarenas. E hai amais un abano de libros que achegan as chaves do seu labor cultural e lingüístico, e peripecias vitais que, flotando na mar do tempo, parecen de novela.
A viaxe de Delgado Gurriarán comezou dalgún xeito sendo el moi neno (polo traballo do pai axiña mudaron a Castela) e podería dicirse que aínda hoxe está por rematar (se ben os seus restos repousan no Córgomo natal, como el desexara). No Ipanema, buque de carga non apto para o transporte de persoas, saíu Florencio do porto de Bordeos cara a América en xuño de 1939, tras un periplo fuxindo dos falanxistas que o levou a Portugal, Valladolid, París e Barcelona. O autor, chegado o Ipanema a porto e ao cabo duns poucos meses, instalouse en México D.F., artellando alí a maquinaria da nosa cultura no exilio. A revista Saudade foi nos 40 un dos «fillos» do noso adegueiro galeguista, como Cancioneiro da loita galega, no que asina como Nadel. «Para que a policía literaria ao servizo de Franco e Fraga non se decatasen de que eran obra del», dispara certeiro Alonso Montero.
O avogado vendedor de seguros, xamóns e calzado fino
«Cando chega a México, el non quere dedicarse á avogacía, que é a súa profesión. Cando cruza o Atlántico, unha vez alá, colle o título de avogado e gárdao nun caixón, e nunca máis! Entón, o que fai Delgado Gurriarán é gañarse a vida co que pode. E faino traballando como axente comercial de diferentes produtos, sobre todo produtos españois, a comunidade coa que tiña contacto: aceite de oliva, xamóns, calzado que viña de España. Nunha visita á zapatería na que el amosaba o seu produto alí estaba Celia, unha muller ademais descendente de galegos, coa que empatiza... e acaba triunfando o amor! De aí naceron os cinco fillos que tivo a parella. O que demostra a iniciativa de Florencio Delgado Gurriarán de buscarse a vida onde fose, como fose», relata Héctor Cajaraville, gran divulgador nas aulas dos homenaxeados nos Días das Letras Galegas.
O poeta foi o intermediario dos distintos exilios que había polo mundo adiante, e do exilio interior (dos que quedaron en España), segue a subliñar Cajaraville, que, aos non iniciados no poeta de Córgomo, recoméndalles comezar polas pezas de vertente máis humorística. «El ten poemas que son caricaturas! Sobre todo, caricaturas de franquistas, do goberno fascistas... E se punto de humor que el ten en case toda a súa obra literaria, esa retranca, é un punto de conexión».
Como tradutor, tamén se luce o noso cantor de Valdeorras. «El traduciu varios dos grandes poetas, como Walt Whitman ou Rimbaud. Non lle valía calquera para traducir... Escollía grandes obras, coñecidas universalmente, para verter ao galego», engade o autor de Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade.
A causa da loita de Florencio Delgado Gurriarán aínda é hoxe unha pregunta: «Como salvar o galego?». Abramos a maleta literaria do poeta! Sigamos a pegada.
A memoria é o porto de partida do futuro.
«Teu cabelo é viño branco
/ os teus beizos viño tinto, /
os teus ollos augardente... /
¡quixera beberte a bicos!»
Bebedeira, Florencio Delgado Gurriarán