«Aquí tamén se fala galego»: como unha campaña de instituto levou nun ano a nosa lingua a todo o mundo?

FUGAS

Os profesores Alberto Pombo e Arcadio González xunto aos alumnos Oli Rivas, Emiko Vázquez e Noa Tajes, parte do equipo da campaña «Aquí tamén se fala galego», do IES Rafael Dieste, da Coruña.
Os profesores Alberto Pombo e Arcadio González xunto aos alumnos Oli Rivas, Emiko Vázquez e Noa Tajes, parte do equipo da campaña «Aquí tamén se fala galego», do IES Rafael Dieste, da Coruña. ANGEL MANSO

Viggo Mortensen, Amaia e James Rhodes falando galego? Si! Son algunhas das celebridades que dan a cara por un proxecto do IES Rafael Dieste que levou a milleiros de persoas o traballo de cinco profes e 30 alumnos dun centro no que se falan 35 linguas. Un ano de percorrido da campaña máis viral da lingua, que xa ten a 25.000 rapaces movéndose

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto doce meses atrás, chegou o maio no que un par de profes acenderon entre a rapazada de cuarto da ESO do IES Rafael Dieste, da Coruña, o desexo de rebentar a burbulla da lingua e as paredes da aula. Nada violento. Idea sensible: facer unha acción coa lingua con repercusión na sociedade. E así comezou Aquí tamén se fala galego. «A partir de aí, interesáronse outros centros [van 200!]. Comentei a iniciativa na clase e Arcadio enseguida axudou», comeza Alberto Pombo (Loureda, 1985), doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios, premio Mil Primaveras 2021 por promover lingua entre a mocidade.

Arcadio González, profe de Filosofía responsable do equipo de dinamización do galego no Rafael Dieste, compartiu dende o minuto uno a gana de facer realidade este soño sociolingüístico.

A idea tiña que contar si ou si co motor da implicación dos rapaces. «Os profesores estamos orgullosos disto: ningún de nós puxo un só cartaz, foron os rapaces! Este ano, o Dieste vai por mil cartaces», contabiliza Pombo. E iso que quere dicir? «Que os mil carteis foron distribuídos polos rapaces, que eles foron porta por porta cos seus colegas para poñelos».

Como o fixeron?

Emiko Vázquez —xaponesa pola nai, e pola rama do pai, galega— foi unha desas novas activistas galegas. Puxo 30 carteis este ano. «Iamos eu e unha amiga a bares, perruquerías, pasantías... É divertido. Preguntas nos locais se podes poñer o cartel tras contarlles como é a campaña. E case todo o mundo di que si», segundo Emiko. «Facémoslles unha foto co cartel e publicámola despois no Instagram. Á xente dálle un pouco de vergoña, pero a maioría aceptan», explica esta rapaza que fixo medrar o galego na súa casa.

«O meu pai é galego e a miña nai é xaponesa. Coñecéronse en Canadá. Namoraron e viñeron para España», relata concisamente esta activista a pé de rúa que ten hoxe á nai sacando o Celga 4 de galego. «Xa o fala mellor que meu pai!», di, e engade que o pai perdeu o costume de usalo na mudanza do pobo á cidade. A Emiko súmanse Oli Rivas e Noa Tajes entre os 30 alumnos entregados á campaña. Se a Emiko a marcou o traballo de gravación con Xoán Rubia, Noa destaca a Grande Amore e Oli a Boyanka Kostova. Teñen chegado a Viggo Mortensen, James Rhodes, Amaia ou Mario Obrero, amais de galegos que botan a lingua con orgullo, como Óliver Laxe, Lucas Pérez, Kevin Vázquez ou Tanxugueiras.

Parte da colleita da campaña era facer un corpus de música galega de referencia. Conseguido o ok do artista, comeza o labor de produción e gravación. O virtual convive sen conflito ningún coa realidade, conecta con ela. O feito de escoller para un vídeo a alguén como Viggo Mortensen (12.000 visitas en Instagram) ten que ver «coa necesidade de estar onde está a mocidade», di Alberto Pombo.

Máis de 200 institutos implicados

A iniciativa estendeuse xa por 200 centros e hai 50.000 carteis de Aquí tamén se fala galego por toda Galicia (e o Bierzo), e uns 5.000 rapaces traballando nisto. «Con Viggo Mortensen contactamos cando estivo na Coruña [pola participación no ciclo de poesía Poetas Di(n)versos, impulsado por Yolanda Castaño e o Concello] e saíu en xaneiro». A visibilidade en redes estaba aí xa no comezo da campaña. «É unha parte da realidade na que toca estar. Hai que estar en todos os lugares nos que a lingua se pode usar», considera Arcadio. «Pero eu fago cos rapaces unha reflexión —matiza— e é que esa saída nas redes é o produto final de todo o traballo. Pero é interesante saber con que quedan eles ao final de todo isto? Do que máis falamos con eles é de todas as experiencias que hai detrás de facer esa publicación en concreto, dese traballo de produción ao longo. Podemos falar das visualizacións que fai Grande Amore, pero nós nos adoitamos falar de likes, senón da viaxe, de cando subimos a pé dende o autobús ata o convento...».

Escoitar ao alumno é esencial. Oli Rivas leva en Galicia cinco anos e arrincouse forte a falar en galego na ESO co equipo de dinamización da lingua do instituto. Oli traballa dende o principio en Aquí tamén se fala galego e nos obradoiros de gravación que fan no centro profesionais do sector. «Sabemos como gravar, poñer os micros, facer un estudio de audio, desenvolvernos para gravar a un artista», conta Oli. Para el, o galego é «unha lingua doada e preciosa». Tamén a lingua galega pode sentirse orgullosa de Oli.

El é o único galegofalante da súa casa e pensa que o peor galego é o que non se fala. «O mellor para falar galego é enganarse. Os erros axudan a mellorar», manifesta este rapaz que ten a súa nai en Venezuela e que hai cinco anos debeu separarse dela para vir a vivir á Coruña coa súa tía. Agora a súa nai, chattings mediante, está empezando co galego. «Ás veces pídeme que se traduza ao galego os estados de WhatsApp! A miña avoa e ela están ilusionadísimas co galego», asegura este alumno famoso polo seu labor de difusión da lingua.

Nesta campaña na que se curte como activista cultural, Oli xa foi entrevistado na Radio Galega e na Cadena Ser. Un neofalante que é bandeira desta iniciativa que fai país desde a multiculturalidade.

No IES Rafael Dieste traballan actualmente na campaña cinco mestres e trinta alumnos. Nada de limitar ao persoal docente a dinamización da lingua.

Falar galego é unha forma de arraigar, de ser parte? «Moitas veces á xente que vén de fóra falámoslles en castelán como un xesto de educación ou de amabilidade», comenta Arcadio. «E niso hai un problema, non lles vas permitir a esas familias ser de aquí, porque 'vienen de fuera'», engade Alberto. «Acábame de pasar cun rapaz de terceiro da ESO que chegou hai unhas semanas —di Arcadio—, falarlle en galego é romper un prexuízo». Falarlle na nosa lingua ao que vén de fóra é un pouco como invitalo a comer o que se come aquí, o polbo ou a empanada. Dás o que tes, non? «Neste instituto temos un modelo excepcional: o 35 % da nosa poboación escolar naceu fóra, e se imos a descendentes, aínda máis. No centro, que estea documentado, fálanse 35 linguas: inglés, francés, romanche, igbo, tehuelche, xeorxiano, galés, garífuna... Isto é moi interesante, é integración. Os rapaces pasan a ter unha asunción da nosa cultura, vivida, e representa un modelo feliz, porque implica coñecer bandas de música e facer obradoiros de audio e vídeo. Estes rapaces dominan técnicas de iluminación e gravación, e todo vai ligado á promoción da lingua galega. Son experiencias profesionais, non simulacros», subliña Pombo.

Noa Tajes, outra das alumnas implicadas na iniciativa, é de aquí de sempre, dunha vila. «A miña familia sempre me falou galego. Cando cheguei ao instituto e todo o mundo me falaba en castelán foi un choque! Crieime en galego; meus pais, meus tíos, meus avós sempre me falaron en galego. Coa campaña retomei o de falar máis o galego. Gústame o galego desde pequeniña e gústame que se queira expandir. É algo noso que me gusta que se saia», afirma Noa.

O galego minoriza o castelán?, como cren algúns. «Pensar iso é como vivir nunha realidade paralela, nunha ficción. E non hai máis que darse unha volta por calquera rúa, colexio ou local de calquera lugar urbano. Podes ir a un bar ou ao instituto de Cedeira e escoitarás o galego, pero tamén moitísimo castelán. É complicado, en cambio, atopar a vinte rapaces en Ferrol que falen en galego a diario. Non é verdade a idea de que as linguas se ameazan entre si. As linguas sostéñense entre si, como os pobos», afirma Arcadio. É tamén unha cuestión de identidade. «E de orgullo —suma Alberto Pombo—. A clave é a construción de lugares de prestixio. Hoxe ser parte de Aquí tamén se fala galego é prestixioso, é guai».

Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria actuarán o 7 de xuño na praza da Tolerancia da Coruña nunha sorte de «Morriña Fest» organizado polo equipo de dinamizadores da lingua do IES Rafael Dieste, ese instituto que, en vez de quedar de brazos cruzados ante os informes sobre a perda de falantes ou de facer axeitados simulacros, rompeu con paixón as paredes da aula e motivou a 25.000 rapaces para moverse en galego e gañar para a causa a empresarios, médicos, actores ou deportistas. A polo ascenso da lingua!