Estrela Gómez: «A falta de formación impide detectar máis casos de maltrato infantil»

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CÉSAR TOIMIL

A coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores defende a figura do psicólogo forense para rapaces, porque a primeira declaración dun neno é fundamental

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estrela Gómez é mediadora social e está ao fronte da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme), un colectivo que loita pola protección dos rapaces contra a violencia, de todo tipo, que están a sufrir.

-Segundo os procedementos incoados nos xulgados galegos, cada ano hai 400 vítimas de maltrato na casa. Esa cifra é real?

-O maltrato infantil na casa é a violencia máis habitual sobre os nenos e a que produce máis desprotección, porque a eses nenos non lles defende quen debería. A proporción de denuncias é baixísima, moi por debaixo da realidade. Hai un dato moi fiable, do Consello de Europa, que din que o 20 % dos menores sofren abusos sexuais... Así que a cifra de maltrato físico ten que ser máis alta, porque engloba outras cousas.

-Entón o problema é que non se detecta ben.

-Está moi pouco detectado, o primeiro problema é ese, que só nos baseamos nas cifras do sistema de notificación actual, e este ten varios fallos: primeiro, a falta de formación impide sospeitar posibles casos. Os profesionais que deben velo (dos servizos sanitarios, educativos ou sociais) non teñen preparación específica para descubrir indicadores de risco, moitos chámannos para pedir axuda, queren formarse, pero non saben onde poden facelo; segundo, non hai estudos a fondo, polo que non coñecemos a situación real e como abordala; terceiro, o sistema de notificación se usa pouco.

-Por que ocorre isto?

-Hai varias razóns. Hai prexuízos sobre a súa efectividade, o que pasará co neno despois, porque o pos nunha situación complicada e se despois non se resolve, queda peor que cando empezou. E tamén hai un descoñecemento sobre o procedemento, é anónimo, pero moita xente ten medo ao que lle poida pasar. Nós sempre dicimos: «Abre os ollos e non peches a boca».

-Fala de pouca formación dos profesionais. Incluso dos que teñen que tratar con estes nenos?

-Non hai psicólogos forenses especialistas en nenos; no Instituto de Medicina Legal (Imelga) non hai selección de psicólogos que van atender a nenos. De feito, en moitos sitios o equipo psicosocial e o forense son o mesmo, e están saturados, cunha carga de traballo enorme. E non se pode solucionar unha entrevista en corenta minutos, ás veces fan falla varias entrevistas co neno, e se é tímido o ten vergoña, é máis difícil. Hai profesionais moi interesados, que se forman ben, pero a Administración non pode depender da vontade do traballador. Ten que haber equipos específicos, con experiencia. No 2015, denunciamos a situación no Parlamento Europeo, que dixo que hai base para investigar a formación destes profesionais no Estado español, porque o que pasa en Galicia é parecido o que ocorre noutras partes de España.

-Hai moita descoordinación?

-Non diría tanto, pero é certo que falla o protocolo do que hai que facer. Non hai claridade e nós pedimos ao Parlamento de Galicia que faga un protocolo. As veces non está claro quen ten que facer a entrevista co rapaz, e entón se repite. Para un neno maltratado pasar por un proceso de investigación do seu entorno ten un impacto impresionante. É o seu núcleo de referencia posto en cuestión. E nós vemos que pola falla de recursos e formación o sistema non está adaptado para un neno vítima; ao contrario, ten que ser o rapaz quen se adapte ao ritmo da Administración.

-Ata que punto é importante a entrevista?

-Fundamental. Se un neno pasa polas mans de persoal cualificado, hai una diferenza enorme na calidade e na cantidade de datos que dá. Se desperdiciamos o momento da primeira entrevista, a realidade é que o neno vai quedar desprotexido. Vemos a diario nos xulgados que o testemuño dun neno non se toma en serio. As veces falan de denuncias falsas, pero cando un neno relata ter sufrido maltrato hai que crelo; pasa o mesmo coas mulleres, algunha xente di que hai moitas denuncias falsas, pero o certo é que hai moitas menos que ante calquera outro delito.

-Hai máis denuncias por maltrato en familias monoparentales?

-Non podería dicilo con seguridade, pero pode ser, por varias cousas. Por exemplo, que o rapaz senta medo de ir co proxenitor que lle fai dano; que se atreva a contar o que lle fai e antes calaba polo silencio doutro proxenitor; que a propia rotura desencadee algunha violencia; o que dependa psicoloxicamente do proxenitor que lle fai mal e cando separa dáse conta do que pasa.

-Por que cre que hai maltrato?

-Moitas veces os pais fan un pouco o que viviron. Pero tamén vexo un retroceso en canto a permisividade do castigo físico: antes era un tabú, ninguén o defendía publicamente. E non é aceptable. Hai que aprender a educar aos nenos de forma pacífica e no respecto. Hai que rescatar a tolerancia cero contra a violencia na casa e aínda que unha labazada non é para ir pola vía penal, si esixe unha penalización.