Ana Pontón: «Na miña casa e na aldea son Belén»

Sandra Faginas Souto
sandra faginas REDACCIÓN

GALICIA

Ana Pontón posa diante dun hospital público para honrar aos sanitarios
Ana Pontón posa diante dun hospital público para honrar aos sanitarios XOAN A. SOLER

A portavoz nacional do BNG di: «De pequena dábame rabia ser tan alta, pero agora estou encantada»

26 jul 2021 . Actualizado a las 00:07 h.

Non hai quen consiga prender o lume do seu horóscopo, Leo, porque Ana Pontón (Sarria, 27 de xullo de 1977) é por riba de todo «unha muller tranquila», talvez —confesa— porque fixo moito ioga e moita meditación. Agora, a piques de cumprir os 44, está entregada no persoal á crianza da súa filla de 18 meses, Icía, «unha nena moi alegre» a quen aínda lle dá o peito.

—En homenaxe a vostede, hoxe puxen unha «chaqueta Pontón». Marcou un estilo!

—Non sei se tanto, a min gústame e vou moi cómoda.

—Non será unha «cambiachaquetas»?

—[Ri] Non, levo no mesmo sitio desde os 16 anos.

—Véndoa de preto, si que mira por riba do ombro!

—A min non me gusta mirar por riba do ombro a ninguén!

—Esta altura, 1,77, causoulle algún tipo de complexo?

—Cando era pequena ás veces dábame rabia ser tan alta, porque parecía que sempre estabas aí, sobre todo na adolescencia, agora estou moi contenta.

—Quitada a súa filla, cal é a súa debilidade?

—Meus pais son uns referentes fundamentais da miña vida.

—Vótana?

—Si, miña nai é a miña principal valedora! Fai campaña cos veciños, no Facebook, encántalle!

—Como sae unha rapaza dunha aldea de Lugo ao camiño de poder ser presidenta de Galicia?

—Ser unha rapaza de aldea é un privilexio, porque entre outras cousas es moi libre. Meus pais educáronnos pensando que o investimento máis importante que podían facer era estudar. Eu aproveitei esa posibilidade para ir á universidade, cumprir tamén ese soño persoal e familiar. Son a primeira universitaria da familia.

—A súa nai cando rifa con vostede chámalle Ana Belén?

—Non, na miña casa chámanme Belén desde a infancia. Na familia e na miña aldea, en Chorente, son Belén, fóra son Ana.

—Son moitos irmáns?

—Si, agora somos tres porque morreu un irmán [emociónase]. El tiña 23 anos, conducía un camión, meteuse outro no seu carril e caeu por un terraplén. Foi un shock. A vida nunca será igual, a miña nai nunca o superará, pero aínda que poida ser un contrasentido, fíxome ser máis optimista e vitalista. Eu creo moito na filosofía oriental: vive como se só tiveses este día, pero pensa como se foses vivir cen anos.

—Leva 17 anos no Parlamento, sofre moito machismo?

—A última vez foi a de Feijoo, desculpouse logo, pero foi moi expresiva, dixo que a señora Pontón estaba moi necesitada. Cando dis iso non hai texto, ni contexto nin subtexto. Tamén teño escoitado «La niña»… En política a erótica do poder coas mulleres non funciona, cos homes si.

—Algúns pensarán «moi moderada, moi moderada...». É unha loba con pel de ovella?

—As mulleres sempre somos malas…

—Con quen ten máis «feeling», con Feijoo ou con Caballero?

—Algo máis de feeling terei con Caballero.

—Fáltanlle moitas cousas a Galicia no Estatuto?

—Que teñamos a chave dos cartos. Que non a teñan en Madrid, nin Montoro nin Montero [ri].

—Falando de cartos, lembra o seu primeiro soldo?

—Si, o meu primeiro contrato foi no Concello de Santiago, era asesora do grupo municipal do BNG. Era un bo salario, 1.500 euros. Aí si dixen: ‘‘Teño que mercar o coche a prazos’’, comprei un Seat Ibiza, que aínda anda pola casa, creo que o ten miña irmá.

—Tivo algunha vez un mozo de dereitas?

—Non, creo que non. Se o era non o confesou! [Ri]

—Vai casar co seu compañeiro algún día?

—Non teño pensado! Nunca me apeteceu casar, parecíame que prometerlle a alguén que vas estar toda a vida con el é moi ousado.

—Nin parella de feito?

—Non, non temos ningún papel, somos así. Temos o amor, a confianza e unha filla, que é o que máis une.

«Serei a próxima presidenta de Galicia»

—Vostede quere a independencia de Galicia?

—O obxectivo da política é que a xente viva ben. Eu creo que nun marco no que deciden tanto en Madrid a Galicia vaille mal. Eu o que quero é que nos recoñezan máis capacidade para tomar decisións.

—Un referendo?

—Pode haber moitas formas. Agora estamos incumprindo un Estatuto que ten corenta anos, porque nin sequera se transferiron as competencias que están descritas nel, como a policía galega. Desde logo, imos cara a un Estado asimétrico onde se vai recoñecer a Euskadi e a Cataluña como nacións e Galicia non pode quedar atrás. Podería haber consultas para moitas cousas, o que non pode ser é que que a xente vote sexa un acto ilegal, a min iso si me preocupa. Podíase votar sobre a monarquía, sobre se queremos que as eléctricas nos sigan estafando…

—Será a próxima presidenta?

—Estou convencida de que si, traballarei para que se faga realidade.

—Que cambiaría?

—Tantas cousas! Antes de pensar o que faría, cambiaría agora cousas se gobernase: reforzaría a sanidade pública, porque non pode ser que teñamos lista de espera para pedir cita en atención primaria, é unha barbaridade o que se está facendo nesta pandemia. A culpa é dunha folla de ruta clara: recortar e privatizar.

—Hai moita xente que cre que Feijoo o está facendo moi ben…

—Será xente que non vive aquí ou non analiza ben as cousas. Eu o que vexo é que imos de improvisación en improvisación. O virus sempre vai por diante.

—Pero a culpa non é de Sánchez?

—Esa é unha estratexia moi boa, iso Feijoo faino moi ben, cando algo non funciona sempre busca un culpable e cando algo sae ben a medalla é del. A min dóeme que se lle culpe agora á mocidade, o que tiñan que estar facendo os Gobernos era apurando que houbese vacinas para eles.

«No BNG temos votantes que non falan galego, pero quéreno»

—Pódese ser do BNG e non falar galego?

—Nós temos moitos votantes que non falan galego, pero teñen unha consideración positiva cara ao galego. O reto que temos é que o galego gañe falantes, porque é a única lingua do Estado que os perde.

—O seu partido representa a ricos e pobres?

—Nós representamos moi ben á pequena e mediana empresa deste país. Quen está defendendo que os fondos Next Generation cheguen aquí é o BNG. O PP e o PSOE teñen un plan para que acaben nas mans dos de sempre. Os recursos teñen que chegar ao tecido produtivo real. Se ao final Naturgy e Iberdrola son as empresas que meten os cartos no peto, iso vai ser unha fraude como foi o da banca. Non se debería tropezar dúas veces na mesma pedra.

—Vostede onde tropeza máis?

—En confiar moito na xente. É certo que hai quen te decepciona, pero logo digo: ‘‘Hai que seguir confiando’’. A min gústame confiar nos demais, é a única maneira de avanzar.

—Quen é o máis «pijo» do Bloque?

—Ao mellor lle parece mal, pero é moi elegante Uxío Benítez.

—No seu partido teñen fama de ser unha seita...

—Quen diga iso non nos coñece somos máis diversos que pouco!

—Fala con xente histórica, Beiras, Paco Rodríguez?

—Con Beiras hai moito que non falo, a Paco véxoo máis. Son unha xeración que fixeron unha gran contribución e hai que recoñecérllelo, pero todas as organizacións teñen que renovarse: renovarse ou morrer.

Unha virtude de Feijoo e de Caballero?

—De Feijoo que ten olfacto político e de Caballero que é unha persoa moi tenaz.