Arranca a quinta edición do programa 21 días co galego con máis de 4.500 participantes de doce centros educativos

La Voz

GALICIA

Acto de apertura do programa celebrado este martes no IES Rafael Dieste da Coruña
Acto de apertura do programa celebrado este martes no IES Rafael Dieste da Coruña Xunta

A iniciativa busca promover o uso do galego oral entre a rapazada e a mocidade do país

24 ene 2023 . Actualizado a las 16:26 h.

Este martes botou a andar a quinta edición do programa 21 días co galego e +, que busca promover o uso da lingua galega entre a xente nova. Este ano participan na iniciativa 4.564 persoas (un 20 % máis que o ano pasado) entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos dos doce centros educativos participantes

Baixo o lema Falando para un mundo mellor, que motiva á rapazada a medrar no uso do galego, o alumnado do último ciclo de Primaria, de ESO, de Bacharelato e de FP intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante os 21 días que funcionará o programa. Diso quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa no que se mostrarán as creacións dos centros participantes, aínda que tamén poderá seguirse a actividade relacionada nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter.

O programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, busca aumentar e perfeccionar o uso oral do galego, e mover á reflexión persoal sobre a relación que cada persoa ten coa lingua propia de Galicia e co resto dos idiomas que coñece. Os centros participantes irán surtindo o blog e as redes con distintas propostas para se achegar ao galego e á cultura de Galicia.

Ademais, a iniciativa terá unha sección diaria de luns a venres durante tres semanas no programa Galicia por diante, da Radio Galega, e tamén haberá unha colaboración co programa Dígocho eu! da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos centros participantes.

O acto de apertura oficial do programa tivo lugar este martes no IES Rafael Dieste da Coruña, coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a profesora e creadora da iniciativa Pilar Ponte.