Un día que deu para moitos «selfies»

M. Cedrón REDACCIÓN

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Nas rúas de Santiago mesturáronse turistas, peregrinos e composteláns para celebrar a festa grande de Galicia

26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha gaivota ataca cun voo en picado a un dron que vixía dende o aire unha praza do Obradoiro baleirada para celebrar o día grande de Galicia. O 25 de xullo, a pesar das sombras que deixou o accidente de Angrois do 2013, Santiago é unha festa. Aínda que cada quen a celebre a súa maneira. A cidade érguese cedo. Antes de que as badaladas dos sinos da torre das Campás anuncien os preparativos para a procesión que escoltará o relicario de Santiago Peregrino ata a entrada principal da catedral e os sacerdotes saian ao balcón da catedral facéndose uns selfies, unha parella vestida de gala pide o almorzo na cafetería do restaurante Raxoi. No outro extremo da barra, un grupo de policías apuran un café antes de retomar os seus postos. Será unha mañá larga. Ocupada.

No medio, entre uns e outros, unha peregrina canadense non entende moi ben por que, no que podería ser un venres calquera, hai tanta xente vestida como para unha voda. E tamén fan selfies. Son os que van ir á misa na catedral dispostos, moitos, a inmortalizar os bailes do botafumeiro a tiro de móbil.

Son invitados dunha celebración con numerus clausus que, ao rematar a ofrenda, vanse cruzando con manifestantes que avanzan cara a praza da Quintana portando a estreleira e con peregrinos que, acabados de chegar a Compostela, se deteñen para o correspondente selfie diante da efémera alfombra de flores que viste a praza da Inmaculada para homenaxear, no Día de Galicia, a Isaac Díaz Pardo. E algún que outro pregunta se, como é día de festa, hai na cidade algún festival. Unha rapaza belga e outra alemá, sen mirar cores, enfilan dende un café de especialidade da zona vella cara o Festigal do campus sur.

A medida que avanza a mañá non hai xa quen se atreva co París-Dakar, aquela carreira etílica de bar en bar pola rúa do Franco que emprendían os estudantes nos noventa. Agora non hai quen ande polo Franco salpicado de restaurantes e tendas de souvenirs. Cústalles ata aos grupos de músicos que avanzan entre a multitude tocando a gaita, tambores, pandeiretas e tarrañolas.

Só fuxindo un pouco polas rúas que serpean entre San Martiño Pinario e as Algalias hai espazo para respirar. Pero na praza de Praterías as colas para entrar na catedral ao remate da eucaristía volven facerse cada vez máis gordas. De fila india pasan a muro de a catro ou cinco. E a praza do Obradoiro, pouco a pouco, volve encherse de grupos de peregrinos que se mantean por quendas e tamén fan o selfie de rigor. Outros fotográfanse cos xigantes que escoltan os laterais da catedral. Composteláns, turistas, peregrinos, curiosos.... Compostela é unha festa de selfies. E no ceo as gaivotas xa non loitan cos drons.