Aurora Marco, escritora: «María Vázquez foi pioneira como docente e como política»
SOBER
Marco é autora da biografía dunha mestra con raíces familiares en Sober que morreu fusilada en agosto de 1936
18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora e investigadora Aurora Marco López (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948), catedrática xubilada da USC, é a autora da primeira biografía de María Vázquez Suárez, unha profesora e política con raíces familiares en Sober que foi fusilada no municipio coruñés de Miño polas forzas sublevadas nos inicios da Guerra Civil, en agosto de 1936. O seu libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, publicado pola editorial Alvarellos, será presentado o mes próximo en Sober, nunha data pendente de concretar.
—Segundo algunhas fontes, María Vázquez naceu en Vilaescura —en Sober— e segundo outras, en Santiago.
—Naceu en Santiago en 1894 e non en 1895, como se di nalgúns lugares, pero a súa familia paterna era de Vilaescura. Naceu en Santiago porque o seu pai era militar e estaba destinado alí nesa época. Pero ela viviu coa súa familia en Sober en varios períodos entre 1899 e 1907, e tamén viña a este municipio todos os veráns. Sen dúbida tiña unha vinculación moi forte con Sober.
—Que supón hoxe a súa figura?
—María Vázquez foi unha pioneira, unha muller que se adiantou ao seu tempo como docente e como política. Hai que dar a coñecer a súa figura, porque ademais representa a outras mulleres da súa época que loitaron por facer avanzar a sociedade e que o pagaron coa inhabilitación profesional, co cárcere, co desterro e mesmo coa súa vida, como sucedeu no seu caso.
—En que sentido foi unha adiantada para súa época?
—Como docente, porque se preocupou moito polos novos métodos pedagóxicos e pola instrución e educación das mulleres. Ela formouse na Escola Normal da Coruña, onde entón había un grupo de profesores moi comprometidos con estas cuestións. E cando xa estaba exercendo a docencia prestou moita atención á autoformación, lía moito e esforzábase por aplicar o que aprendía.
—E como política?
—Porque ocupou cargos políticos e sindicais nunha época na que aínda eran moi poucas as mulleres que desempeñaban estas tarefas. Foi cofundadora da agrupación socialista de Miño en 1933, formou parte do comité directivo do PSOE de Pontedeume e tamén tivo cargos na UGT... Nos anos da Segunda República houbo moitos avances importantes para as mulleres, pero neses tempos aínda non era nada habitual que elas ocupasen cargos directivos nos partidos e sindicatos, polo menos en Galicia. Os casos que houbo poden contarse cos dedos dunha man. María Vázquez, ademais, desenvolveu unha actividade moi intensa como oradora e participou en moitísimos mitins e conferencias.
—Consérvase algún documento escrito por ela, algún artigo ou discurso?
—Nas miñas pescudas non encontrei nada que fose escrito por María Vázquez. Foi moi importante como oradora, pero non sei se tamén escribiu ou publicou algo. En todo caso, se existiu algún material dese tipo non se conservou nada. Hai que ter en conta que cando foi fusilada queimaron a súa biblioteca con todo o que contiña. Se nesa biblioteca había algún escrito seu tamén se perdeu.
Investigacións en arquivos e entre veciños
Segundo explica Aurora Marco, para elaborar a súa biografía sobre María Vázquez investigou durante anos en múltiples fontes, como arquivos históricos, hemerotecas e documentos da época, ademais de visitar os diferentes lugares onde viviu a mestra ao longo da súa vida.
—Investigou tamén en Sober?
—Si, e teño a agradecer moito a axuda que encontrei neste municipio por parte de veciños como Paula Vázquez Verao e Alfonso Campos. Grazas a eles puiden acceder aos recordos que conservou María Victoria Vázquez, falecida no 2021, filla dunha curmá e amiga de María Vázquez, quen ademais foi a súa madriña. Visitei os lugares de orixe da súa familia paterna e servíronme tamén de moita axuda como informantes as irmás Anuncia e Irene Vázquez Fernández. O alcalde de Sober, ademais, facilitoume o acceso aos arquivos municipais e deume indicacións útiles.
—Hai algunha parte da vida de María Vázquez á que non puido chegar nas súas pescudas?
—Quedan certos detalles que non se poden aclarar, como os períodos exactos nos que viviu en Sober, porque non se conservaron documentos do padrón municipal desa época. Puideron perderse por accidente ou nun incendio, como pasou en Miño, onde os arquivos municipais arderon en 1947 e polo tanto alí non encontrei documentos sobre María Vázquez.
—Quedou satisfeita deste traballo?
—Un historiador que me axudou na investigación e que xa leu o libro díxome que esta cuestión quedou esgotada, porque a obra contén todo o que se pode saber hoxe sobre María Vázquez Suárez, así que entendo que este esforzo mereceu a pena. Persoalmente tamén é moi importante para min rescatar a historia dunha mestra, que é unha profesión que admiro moitísimo. Veño dunha familia de mestras e traballei durante 44 anos na formación de docentes.