
O Concello de Lugo organiza un roteiro literario que terá lugar no parque Rosalía de Castro Autoridades e institucións culturais de Guitiriz acoden a unha semana cultural de Sestao
15 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Do mesmo xeito que os campos, chegada a primavera, se visten de flores, as vilas e cidades da provincia se enchen de actividades cando avanza o mes de maio e ten lugar o Día das Letras Galegas. Este 2006 non é unha excepción co que adoita resultar xa unha tradición, e institucións públicas e centros de ensino acoden, un ano máis, á súa cita. As actividades que teñen lugar en Lugo , organizadas polo Concello, inclúen dous días, hoxe e mañá. Para hoxe (auditorio, oito e media da tarde) está prevista unha actuación do grupo Teatro do Morcego, que representará a obra Farsa de Bululú, homenaxe a Manuel María . As entradas poden comprarse na oficina de turismo, situada na praza da Constitución, de 11 da mañá a dúas da tarde e de catro a sete e media, e no auditorio, unha hora antes de que comece a función. Mañá é o día elixido polo Concello para a celebración do Paseo Literario, no que colabora a asociación Ágora Cultural. O roteiro comeza ás doce do mediodía na praza de Fernández Gómez, a carón da estatua de Ánxel Fole, e segue no parque Rosalía de Castro, onde se lerán textos de Manuel Lugrís, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Porén, os actos do Concello non rematan aí, pois mañá é tamén o día do Festival de Danzas e Gaitas: uns 600 rapaces, que participan a cotío nesas actividades extraescolares, sairán ás doce e cuarto, divididos en dous grupos, das prazas da Sociedade e do Campo Castelo cara á rúa da Raíña, onde se xuntarán para ir á praza Maior. Como mañá é do día de Internet, o Concello aproveita para colgar na súa páxina web un libro con vida e obra de Lugrís. Hai institucións que saen de Galicia para participar en actos. Así ocorre co Concello de Guitiriz , que esta semana acode aos actos que celebra en Sestao a Agrupación Fillos de Galicia. A banda municipal, diversos artesáns e a alcaldesa, Regina Polín, desprázanse ao País Vasco. En Láncara , segundo informa Carlos Vázquez, hai mañá un percorrido por un treito de ruta xacobea, seguido da entrega de premios aos participantes nos concursos literarios, dunha charla do xornalista Manuel Darriba sobre Manuel Lugrís, dunha actuación de grupos folclóricos e duna xantar popular. Monterroso , pola súa banda, celebra a data de mañá cunha homenaxe ao escritor local Lorenzo Varela, lembrado no Día das Letras Galegas do ano pasado: o acto ten lugar, ás doce e media do mediodía, na praza da alameda. Tamén está prevista, pero sen concretar a data, a presentación do libro Lírica esquecida de Lorenzo Varela , de José Ángel García. Poesía e lembranza O IES de Palas de Rei organiza o venres un recital poético con profesores e alumnos, que se completa cunha representación de baile e un espectáculo de cabaret. Tamén hai representación no CEIP Monseivane, situado na parroquia vilalbesa de Lanzós , que esta tarde acolle unha representación dos maios. En Vilalba os actos celébranse o sábado: no auditorio, ás sete da tarde, celebrase un festival no que actúa o grupo Entre lusco e fusco e se entregan os premios do certame literario Letras Galegas 2006, organizado polo Concello. Na residencia Mapfre Quavitae, de Castro de Ribeiras de Lea , actúa mañá, ás cinco e cuarto da tarde, a contacontos Fátima Fernández. Entrementres, no IES Díaz Castro, de Guitiriz , está instada unha exposición de homenaxe a Manuel María, que lembra a relación do poeta coa vila. Cinco centros de ensino da comarca visitaron a semana pasada a súa tumba.