Cultura retira a vexetación da Muralla para que luza durante o Arde Lucus

La Voz

LUGO

oscar cela

Balseiro critica que o Concello tardase sete meses en darlle licenza para actuar

11 jun 2019 . Actualizado a las 20:09 h.

A Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver un programa de mantemento do adarve da Muralla que inclúe a retirada da vexetación existente no paseo central e no chan dos cubos de cara á celebración da festa do Arde Lucus. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que a intención é garantir o bo estado deste espazo, que toma gran protagonismo nesta cita festiva. Cultura autorizou unha marcha nocturna o 14 de xuño, polo que tamén se reforzará o control sobre a iluminación. Operarios da concesionaria das obras de conservación -Resconsa- executarán as tarefas de limpeza manual do adarve e de comprobación da iluminación, entre outros labores de mantemento.

Limpeza vexetal dos lenzos

Por outra banda, Balseiro criticou a tardanza do Concello en outorgar a licenza municipal para as obras de conservación e mantemento do monumento, incluída a aplicación de herbicidas para controlar a xerminación de especies vexetais. Dixo que que o Concello non aprobase esta licenza ata o pasado 2 de maio, impide que a Xunta acometa a aplicación dos herbicidas sobre os paramentos daMmuralla debido á presenza dos cirrios; estas aves migratorias aniñan na Muralla habitualmente dende o mes de abril e ata finais do verán.

Balseiro dixo que a Xunta solicitou a licenza de obras o 28 de agosto de 2018, non foi ata sete meses despois que o Concello fixo un requirimento do documentación adicional, con data 28 de marzo de 2018 e non foi ata nove meses despois da solicitude inicial que o Concello deu a autorización oportuna.

Tamén, en relación con este mesmo asunto, a Xunta avanzou que, en colaboración coa USC, ten previsto poñer en marcha -unha vez que marchen os cirros- a terceira fase do plan experimental para o control da xerminación nos lenzos da muralla mediante produtos herbicidas naturais.