O historiador cre que no espazo do edificio da tinería só vale para unha sala de exposicións
16 dic 2019 . Actualizado a las 10:57 h.Eu sigo intrigado por saber porque o conselleiro de Cultura e Turismo non nos di cal é a razón pola que non quere facer o Museo Arqueolóxico en San
Fernando, unha infraestrutura imprescindible, e sen embargo quere que outras Administracións fagan un parador de turismo no Cuartel, para facerlle a competencia a iniciativa privada que neste momento constrúe dous hoteis na cidade, un en Fingoi e outro en Santo Domingo, están en proxecto varios hoteis, e cando se acaba de renovar un hotel de catro estrelas, con 167 habitacións, no que se fixo unha inversión millonaria.
De maneira que, por desgraza para os lucenses, a demanda actual e futura de momento está sobradamente garantida pola iniciativa privada. Primeiro creemos produto cultural, fagamos novos museos, musealicemos achados arqueolóxicos, creemos coleccións visitables e despois, se hai demanda, fáganse hoteis axudando se compre á iniciativa privada.
Por tanto o conselleiro de Cultura e Turismo veu a Lugo a vendernos un parador innecesario, que ninguén pediu, que pretende que o financien o Concello, a Deputación e o Goberno do Estado, e a maiores resulta que non se pode facer en San Fernando. Eso si, para que non se diga a Xunta pon a
proposta que non custa nada, e ofrece o 50 por cento dunha inversión que sabe que non se vai facer, para despois poder dicir que se o parador non se fai non é polo PP senón porque o PSOE e o BNG non queren. De todos modos o conselleiro pode ofertar ao Concello os cinco millóns que tiña pensado investir no parador fracasado para facer o Museo Arqueolóxico.
A sede do CGAC
Visto que o do parador son fogos de artificio, unha vez que se dispersou o fume que deixaron, para que ninguén se chame a engano vexamos agora a realidade da outra grande promesa, a primeira sé do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) fóra de Santiago no Pazo de Dona Urraca para que os creadores lucenses que están comezando podan expoñer os seus traballos.
Que ninguén pense que isto vai ser como unha sucursal do Centre Pompidou semellante a de Málaga, nin do Guggenheim como a de Bilbao, por poñer dous exemplos.
Pola súa profesión e dedicación actual o conselleiro ten que saber o que é un museo de arte contemporánea, un centro de arte contemporánea e unha sala de exposicións temporais.
O que me parece máis crible é que nunca entrara no Pazo de Dona Urraca para saber o que mide, de xeito que toca poñer os pés no chan e explicarlle ao público estas cousas para rebaixar as expectativas con fin de que ninguén se chame a engano.
En realidade o que nos vendeu o conselleiro de Cultura é unha pequena sala de exposicións, porque a superficie do Pazo non da para máis, onde se mostrará a obra de artistas que, ou ben son convidados a expoñer no CGAC ou que pertence aos fondos da súa colección, e en determinadas ocasións poderán expoñer algún dos artistas de Lugo, sempre que sexan convidados en base a un criterio técnico que adoita ser bastante selectivo realizado polo director do Centro, que decidirá os artistas a convidar, resolverá sobre os seus proxectos e escollerá a súa obra.
Porque así é como funcionan estes establecementos que, para acadar e manter un certo nivel de prestixio non lle abren as portas a calquera. A maiores outra das características deste tipo de centros é que teñen unha clientela minoritaria polo tipo de obra que se presenta.
En definitiva, o conselleiro e o delegado da Xunta en Lugo estaban exultantes pensando que con estas iniciativas lle meteran un gol ao PSOE e ao BNG. Pero en realidade a quen llo meteron foi ao pobo de Lugo, aos colectivos que de boa fe acudiron a eles e ao seu partido, que vai para 24 anos na oposición municipal. Un cuarto de século, nada menos. E con este tipo de axudas, o que lles queda.