A Volta do Agro celebra o 25 aniversario «nos escenarios que temos abertos: as redes»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

O colectivo cultural leva desde 1995 recollendo pezas tradicionais galegas polas aldeas, dándolles vida nas actuacións e divulgándoas nas clases

03 may 2020 . Actualizado a las 11:57 h.

A crise sanitaria pillou á asociación lucense de cultura tradicional A Volta do Agro en plena celebración. Mañá cúmprense 25 anos da súa primeira actuación, aló polo 1 de maio de 1995, na Festa da Filloa de Muimenta, e os plans de celebración tiveron que mudar e adiarse: «A festa é nos escenarios que temos abertos hoxe en día: as redes sociais», explica Senén Montero, presidente do colectivo. Deste xeito, ao longo destes días están lembrando, mediante material audiovisual, antigo e actual, a historia da agrupación, estreitamente ligada á cultura tradicional galega. «O noso obxectivo foi desde o primeiro momento dignificar a cultura tradicional e recuperar os cantos e bailes que temos», explica Montero.

Primeira actuación de A Volta do Agro, o 1 de maio de 1995, na Festa da Filloa de Muimenta
Primeira actuación de A Volta do Agro, o 1 de maio de 1995, na Festa da Filloa de Muimenta

O traballo de A Volta do Agro estrutúrase en tres áreas: recolleita de pezas tradicionais de canto, baile e música, polas aldeas galegas; transmisión de todo ese legado nas actuacións do grupo; e tamén divulgación nos obradoiros, polos que pasan anualmente cerca de noventa alumnos e que imparten na sede da asociación, na Rúa Paxariños.

A festa de aniversario prevista inicialmente terá que esperar. Pensaban celebrar ao longo de todo este ano cursos monográficos, con músicos e bailadores convidados, facer foliada e un gran festival de escenario con artistas convidados e toda a xente que pasou pola asociación, «pero as circunstancias nas que nos atopamos fan que teñamos que conformarnos con desexar que toda a familia volteira estea ben e que poidamos saír disto e volver á normalidade para poder festexar ao longo de todos os anos que nos quedan de música e baile», continúa Montero.

O grupo, integrado actualmente por unhas 25 persoas, caracterízase por «unificar os grupos de gaitas, baile e pandereteiras e pandereteiros, cunha personalidade propia», matiza Montero. Explica que nos últimos anos empézase a valorar máis a cultura tradicional: «Vivimos unha época moi boa en canto a foliada e a seráns, que levan esa música e esa cultura á rúa». Nestes tempos de incerteza nos que aínda non saben cando volverán a tocar, lembran con especial cariño aquela primeira actuación en Muimenta, pero tamén as que fixeron con frecuencia por diferentes lugares de Portugal, e as festas de San Froilán, «na casa».