![Davide Salvado](https://img.lavdg.com/sc/hfLQ6PIRmHTgdEoBL9wEsFyDi3w=/480x/2020/05/15/00121589540102085187471/Foto/LY17C10F3_125350.jpg)
Concertos, recitais e outros espectáculos en liña amenizarán desde Lugo a festa das Letras Galegas
17 may 2020 . Actualizado a las 11:51 h.Música e propostas escénicas festexarán as Letras Galegas desde as redes. A área de Cultura da Deputación de Lugo pon en marcha o domingo 17 a programación en liña «As Letras en rede», que inclúe unha decena de actuacións, con artistas como Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lois López, Olga novo e Marina Oural. Este novidoso ciclo cultural en rede, que poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo), comezará o domingo 17 ás 19.00 horas, e continuará ata o mércores 27.
Deste xeito, «As Letras en rede» ofrecerá, ao longo de dez xornadas, espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para os máis novos, con espectáculos para público infantil e familiar. Ademais, optouse por artistas vinculados á provincia de Lugo e tamén se priorizou a contratación de persoas que se dedican profesionalmente ás actuacións ao vivo.
A programación cultural é a seguinte:
· Davide Salvado presentará un anaco de seu último espectáculo, Amarelo, onde reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, con textos de Manolo Cortés, dende a óptica contemporánea que caracterizan as súas propostas.
· A compositora Ugía Pedreira interpretará unha escolma de poemas musicados, con melodías propias e alleas.
![Raiceira](https://img.lavdg.com/sc/LzD1h6VvqTzPUhC_NdLvIhXOOrM=/480x/2020/05/15/00121589540462214695344/Foto/LY17C10F3_125916.jpg)
· O dúo Raiceira, formado polas lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, interpretará melodías populares extraídas da tradición oral galega.
· En formato trío, con Miriam González ao acordeón e Pipo Alvariño á guitarra, Pepe Vaamonde presentará un espectáculo orixinal pensado para ser bailado nun claro entorno foliadeiro.
![Mamá Cabra](https://img.lavdg.com/sc/JJt-LFISoJzHRaP2vgImh3BWG78=/480x/2020/05/15/00121589540521834344749/Foto/LY17C10F3_13122.jpg)
· A banda de música infantil Mamá Cabra, neste caso cun formato reducido con Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, ofrecerá un percorrido polos éxitos dunha carreira de máis de quince anos.
· A compañía mindoniense Micromina Títeres ofrecerá un espectáculo para público infantil e familiar apelando ao humor e a intelixencia.
· A narradora e dramaturga Ana Carreira, cofundadora de distintas compañías de teatro galego, artellará a súa actuación arredor de tres contos, dirixidos a todas as idades.
· O poeta e contador de historias Lois Pérez achegará un anaco de Lirica Piringalla, un entremés do proxecto Lugo Philadelphia erguido en colaboración coa fotógrafa Alba Díaz, que combina poesía, música, narración oral e humor.
· A artista multidisciplinar Marina Oural mesturará na súa actuación a arte do movemento, da declamación, da escrita e da improvisación oral.
· A poeta Olga Novo, cunha obra intimamente relacionada co feminismo, recitará algunhas das súas composicións.
Desde a Vicepresidencia aclaran que o traballo de produción e realización dos espectáculos desenvolveuse atendendo a un estrito protocolo de medidas hixiénico-sanitarias, mantendo o distanciamento social, tanto entre os artistas como entre os técnicos, e seguindo unhas estritas pautas de desinfección e limpeza dos materiais e dos espazos que se empregaron.
Segundo explican desde a Deputación, a iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano ao profesor e escritor Ricardo Carballo Calero, mais tamén apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise do Covid-19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo.
Apoio ao sector cultural
Ademais dos artistas citados -músicos, actores, actrices, narradoras e poetas-, que volveron actuar despois de semanas sen actividade, a programación involucrou unha decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no auditorio do Gustavo Freire.
A vicepresidencia da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que «malia estarmos nunha situación excepcional, non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias, e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, do teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento».
A deputada explicou que «é unha experiencia nova para case todas as persoas que participan, tanto artistas como persoal técnico. Agardamos que guste, e que esta fórmula se manteña como alternativa para soster a actividade cultural mentres non se recuperen os espectáculos ao vivo».
Maite Ferreiro remarcou o compromiso da área de Cultura para tratar de que «o sector sufra o menos posible o impacto da crise, tanto no ámbito asociativo como profesional». Nesa liña, lembrou que se «axilizou a tramitación das axudas a entidades e asociacións culturais previstas nos orzamentos, cun importe de 638.000 euros» e que «se traballa para adaptar as programacións previstas a evolución da pandemia en cada momento».
A obra do autor homenaxeado, na Biblioteca de Lugo
A Biblioteca Pública de Lugo puxo en marcha Carvalho Calero Lucense, a exposición virtual na que, a través dunha liña do tempo, presenta a obra poética, teatral, prosa e ensaio que escribiu o autor homenaxeado durante a súa estadía en Lugo.
Unha mostra virtual repasa a etapa lucense de Carballo Calero
O Colectivo Egeria, co apoio da Xunta, a Real Academia Galega e o Colexio Fingoi, puxo en marcha a web carballocaleroenlugo.org, para homenaxear e divulgar a figura de Ricardo Carballo Calero e a súa estadía na cidade da Muralla entre 1950 e 1965. Nela pódese gozar, en formato dixital, da exposición Don Ricardo de Fingoi.
A mostra analiza a forte pegada que Lugo tivo na traxectoria do escritor e profesor, e tamén a revolución educativa e cultural que supuxo a presenza do autor na cidade e, concretamente, no Colexio Fingoi, onde foi conselleiro-delegado durante quince anos.