Fotografía, teatro, música e poesía, na burbulla creativa de decembro

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Noelia Geada musicará con David Taboada os versos galegos de García Lorca
Noelia Geada musicará con David Taboada os versos galegos de García Lorca

Varios artistas musicarán os poemas galegos de García Lorca

09 dic 2020 . Actualizado a las 11:19 h.

O Campus de Lugo lanza unha nova burbulla creativa neste mes de decembro, con fotografía, teatro, música e poesía, co apoio do Concello e a Deputación.

O xoves 10 terá lugar a apertura da exposición do XXVI Maratón Fotográfico do Campus na Biblioteca Provincial, un acto que servirá de escenario para a entrega de premios aos autores das fotografías máis valoradas polo xurado dun certame que lembra o a figura e o legado de Carlos Valcárcel e do compoñente do grupo cinematográfico Fonmiñá Eduardo Ochoa.

A música de cámara soará de novo na Casa do Saber o luns, día 14, ás 20.30 horas, no marco dun concerto de piano que ofrecerá o australiano Nicolas Margarit.

O epicentro da actividade cultural mudará o día 16 ao Vello Cárcere, que acubillará o epílogo do Festival de Teatro Universitario. No marco desta función, coordinada e dirixida por Carmen Conde, as persoas que participaron ao longo das últimas semanas nas sesións de arte dramática a través das que entraron en contacto coa obra do filósofo Zygmunt Bauman sobre o concepto de «amor líquido» (no que as relacións persoais pasan a ser un perigo para preservar a propia individualidade), presentarán cadansúa performance.

O elenco de actores que tomarán parte nesta sesión estará formado por Ángela Oliveira Vicente, Adrián Valdés González, Julia Lacleta Busto, Mariña Peña Blanco, Martina Gandoy Fernández, Michael Pereira López, Martina Garaloces Gandoy, Lucía Parga, María Rodríguez Domínguez.

O proxecto Lorca, promovido pola Área de Cultura da Deputación en colaboración coa USC co gallo da celebración do centenario das viaxes do poeta e dramaturgo granadino a Galicia, chegará ao seu colofón o día 18 coa presentación da musicalización dos seis poemas galegos escritos por García Lorca, nun acto que se desenvolverá a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber. O público presente nesta sesión poderá gozar así dos versos de Cantiga do neno da tenda, musicados por Noelia Geada e David Taboada; Danza da lúa en Santiago, con música de Nebra; Romance da Nosa Señora da Barca, de Infrarroja; Nouturno do adolescente morto, con música de Muruáis e Monsalve; Canción de cuna para Rosalía de Castro, morta, de Condensadores de Fluzo, ou do Madrigal a Santiago, con música de Carlos Díaz.

 

 

 

 

 

 

O público poderá gozar de novo de parte deste espectáculo lírico musical o día 20, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire, no evento Lorca 2.0.

 

Literatura, videocreación

A presentación do libro O feitizo de Maruja Roca, unha obra de Neves Neira e Eutropio Rodríguez, editada por Ramón Pinheiro, dará continuidade o día 21 á burbulla creativa do Lugo Cultural do mes de decembro, unha programación que seguirá o día 22, na Casa do Saber, ás 12.30 horas, coa proxección das videocreacións e a entrega de premios ás mellores propostas, e que rematará no mesmo escenario o 28 de decembro cun encontro co fotógrafo Adra Pallón.