As mellores obras de Peinó homenaxean ao artista lugués

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A exposición «Peinó 100» repasa a traxectoria do escultor no ano en que se celebra o seu centenario. A mostra reúne pezas de todo tipo, ademais de material biográfico, e poderase visitar no Vello Cárcere ata o 7 de xaneiro

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha viaxe pola vida e obra de Peinó, un dos principais artistas lugueses do pasado século, pode realizarse na exposición Peinó 100, que abriu as súas portas esta semana no Vello Cárcere de Lugo e que se poderá visitar ata o 7 de xaneiro. A mostra reúne as mellores obras do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó (1921-2004), cando se celebra o centenario do seu nacemento. A familia do artista foi a impulsora desta iniciativa, a modo de homenaxe e de honra ao legado deste tallista autodidacta, e contou co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación.

A gran maioría da mostra está conformada polas súas mellores esculturas en madeira, de distintos momentos da súa carreira artística, entre as que se atopan Cariña de lúa, Tullido ou Bico, pezas cedidas polo Museo Provincial de Lugo. Pero tamén se poderán coñecer aspectos biográficos e obras realizadas con materiais e técnicas ben diferentes á madeira e á escultura, e haberá documentos, paneis informativos e artigos complementarios. As pezas están dispostas ao longo de nove das antigas celas de mulleres do primeiro andar.

Esta é a oitava exposición individual de Ferreiro Peinó, a segunda título póstumo, trala homenaxe realizada no 2004 no Círculo das Artes. Lonxe queda xa a súa primeira mostra, organizada na Deputación de Lugo en 1968, á que lle seguiron as de 1975, 1977, 1980 (todas, de novo, na Deputación), 1980-1981 (Begonte) e 1981 (O Páramo).

A mostra do Vello Cárcere pódese visitar, de balde, de domingo a mércores, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas; e de xoves a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.30 horas. Os visitantes poderán levar, como recordo, un tríptico e un folleto, que se poden solicitar no mostrador.

Ademais desta exposición, a familia de Peinó puxo en marcha hai uns meses o portal web luisferreiropeino.gal, cun completo arquivo dixital sobre a vida e a obra do escultor, con imaxes de case todas as súas obras, un repaso polas exposicións, anécdotas da súa carreira e recortes e enlaces de prensa desde hai máis de sesenta anos.