López Penide
Nun salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ateigado de nenos e non tan nenos, pero que nalgún caso o eran cando por vez primeira viu a luz o disco Canta connosco!, María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, presentaron onte a reedición deste traballo discográfico aos vinte anos da súa publicación.
-Dúas décadas deste disco, ¿o tempo pasa rápido?
-Carlos: Si. Levamos máis de vinte anos facendo teatro e nas primeiras funcións, nos primeiros espectáculos, queríamos meter cancións. Daquela non había apenas temas en galego, tivemos que facelos. Estaban Suso Vahamonde, Cantareliña... E pouco máis. Ao acabar as funcións preguntábannos onde estaba ese disco, polo que falamos cuns amigos músicos e gravámolas. Fomos por toda Galicia con estas cancións e agora, despois de vinte anos, eses nenos e nenas que cantaban connosco daquela, xa son adultos e moitos teñen fillos, e gústalles os temas. Entón decidimos reeditalo disco, pero con ilustracións de Óscar Villán, con dez videoclips de Sr. Sagüillo e con karaokes para que sigan cantando connosco outros vinte anos.