As aulas do Galén traballan a solidariedade para achegar aos alumnos a outras realidades

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Captura de pantalla del vídeo difundido por el Colegio Galén.
Captura de pantalla del vídeo difundido por el Colegio Galén. CEDIDA

Os estudantes de segundo da ESO do colexio de Lugo foron o motor que mobilizou a todo o centro na Operación Quilo da Asociación de Veciños da Milagrosa

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As aulas non son só espazos nos que adquirir coñecementos teóricos, senón que son esenciais para afianzar valores coma a solidariedade. Apostando por esa premisa, o Centro Educativo Galén leva máis de dúas décadas desenvolvendo cada ano, por estas datas, un proxecto solidario de distinta índole, no que se combinan tanto conceptos teóricos como accións prácticas. Nesta ocasión, a parte práctica levouse a cabo colaborando na Operación Quilo que puxo en marcha a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, que preside Jesús Vázquez.

O motor deste proxecto foi o alumnado de segundo da ESO, segundo explica un dos titores do curso, David Vilas Creo (xunto a Sandra Franco Meliveo): «Parécenos unha idade idónea para asumir o reto, unha idade clave na que asumen o rol de locomotora e implican ao resto do centro, que funcionamos como vagóns dese tren solidario», explica.

Organización do traballo

Para levar a cabo o proxecto, a asociación explicou aos alumnos en que consiste a súa acción e os estudantes «empapáronse dese proxecto, fixérono seu e trasladárono a todo o centro», levando a cabo non só unha labor informativa, senón tamén de concienciación, sinala Vilas. Deste xeito, ademais de traballar a acción como un «un valor formativo e informativo», puxeron en marcha unha recadación de xoguetes, roupa e alimentos non perecedeiros: marcáronse uns obxectivos, que trasladaron a todas as aulas, elaboraron un taboleiro para compartir o que ían conseguindo cada día, recompilaban e inventariaban, organizados en equipos de catro ou cinco persoas, e a campaña, que durou arredor dunha semana, «foi moi exitosa». O propio alumnado elaborou un vídeo sobre o seu traballo e compartiuno no Facebook do colexio.

Todo o recadado nesta campaña entregárono á asociación da Milagrosa, que xa comezou co reparto das entregas entre as familias máis desfavorecidas.

David Vilas sinala que estes proxectos son moi importantes para que xerminen nos alumnos valores como a solidariedade, pero tamén para que os rapaces «saian da súa burbulla, que coñezan que pode haber outras realidades e que, ademais, non sempre están tan lonxe, coma neste caso, así que cómpre abrir a mirada ao noso arredor», continúa o profesor. Noutras ocasións, si que levan lonxe as accións: «O obxectivo non é vincularse con ningún colectivo en concreto, senón vincularse á acción, ao valor», reitera Vilas.

Ao longo destas máis de dúas décadas, as accións solidarias permitiron ao alumnado do Centro Educativo Galén colaborar con entidades coma o Banco de Alimentos de Lugo, Unicef, o Fogar do Transeúnte lucense ou mesmo na construción de pozos de auga en África.