Unha familia de Vilaverde traslada as cabaniñas do bosque aos Ancares

CANDELA F. ROLDÁN LUGO

LUGO

Leticia Mon, a fundadora deste proxecto, asegura que quere que «a xente poida gozar do entorno cun bo prato de caldo»

14 ene 2023 . Actualizado a las 17:53 h.

A dez minutos de Navia de Suarna está Vilaverde, unha das aldeas máis fermosas e características de toda a montaña lucense. Nove das once familias que conforman este núcleo rural traballan unha explotación gandeira comunitaria dende finais dos anos 90 e, contra todo prognóstico, continúan traballando xuntos sen problema algún. «Somos unha aldea moi unida dende sempre», asegura Marifé Pérez, unha das veciñas de Vilaverde, que leva case toda a vida vivindo alí.

Case trinta anos despois, a aldea, que conta con menos de 20 habitantes, non deixa de sorprender. Primeiro foron as cabanas do bosque en Serra de Outes, e agora chegan as do Chao, o nome da casa familiar que abrirá estas cabaniñas na comarca ancaresa.

Leticia Mon, a filla de Marifé, voltou á casa hai dous anos para coidar da súa nai e, ó final, quedou aquí para emprender un negocio co que pretende dar visibilidade á súa terra e potenciar o turismo da zona. «Volvín co meu marido, os meus fillos e a miña sogra, agora somos nove na casa e non teño intención de marchar», di a naviega, que precisa dun último trámite para comezar a construír as cabanas a apenas 300 metros da súa casa familiar.

«Teremos seis construcións con distintos teitos propios da comarca nas que a xente que veña poderá estar coma na casa», afirma Leticia, que explica que todas as cabanas terán habitación, salón, cociña e baño, ademais dalgún produto da súa horta que irán deixando fóra polas mañás para que os visitantes poidan cociñar directamente con produtos naturais.

Pero a naviega vai máis aló. O que quere é que a xente que veña poida gozar dun «bo caldo ou dun bo cocido mentres fai unha ruta e ve a paisaxe que ofrece a montaña de Ancares». Por este motivo, e mentres ultima o proceso de tramitación da obra, Leticia xa ten todo a punto para abrir unha casa de comidas no que era o antigo cortello da casa familiar o próximo mes de febreiro.

Un cortello a piques de caer

«Estaba a piques de caerse, así que tiña que decidir entre tirar con todo ou facer algo novo, pero miña nai xa me dicía que era unha pena ver esta casa caer, porque a madeira sobre a que construímos data do ano 1600, aquí haiche moita historia», di a emprendedora, que ten pensado dar comidas por encargo con produto e elaboración integramente caseira.

A familia conta con tenreira da casa e todo tipo de carne e embutido co que traballan día a día, ademais dunha horta con produtos frescos e un forno de leña no que cocen todos os meses. Tratarase dunha experiencia única que, ata o momento, non tiña cabida na comarca.

«Non é o mesmo comer algo para saír do paso que gozar dunha comida da casa con produtos 100% traballados e cociñados por nós», di Leticia, e é que dende o paso do tradicional sistema de explotación familiar ó extensivo na aldea, puideron traballar moito mellor a carne ata lograr reunir 150 hectáreas de pastos e unhas 300 cabezas de gando que manexan entre os veciños implicados.

Falta de oferta hosteleira

Leticia e Marifé coinciden en que o entorno no que viven é «espectacular», pero hai un gran problema: a falta de lugares onde quedarse e onde poder comer un produto de calidade. «Todo o mundo nolo di, e nós levámolo véndoo toda a vida. A xente non vén visitar estes lugares porque non ten onde quedarse e, claro, vir un día é moito trote para os que veñen de fóra», explica a emprendedora naviega.

Pola súa parte, Marife sostén que, ademais das rutas clásicas da comarca, a familia quere facer un pequeno obradoiro para explicar todos os tipos de árbores que hai na contorna. «Aquí, en 500 metros, hai 100 tipos de árbores diferentes. Imos poñer un letreiro para que a xente saiba distinguir o que lle rodea», di.

Oliver Laxe, fonte de inspiración

Non foi dun día para outro, pero Leticia tiña claro que non quería deixar caer a que fora durante tantas xeracións a casa da súa familia, así que empezou a pensar nunha alternativa turística.

A naviega recoñece que Oliver Laxe, o director de cine afincado en Vilela, foi «o culpable» de que comezara a darlle voltas á idea de crear un recuncho de hospedaxe na súa casa. «Sempre nos dicía que aquí, o que fai falta, é onde poder quedarse a durmir e pasar uns días relaxado sen estar pendente do coche, de ir e volver no mesmo día», explica a emprendedora. «Foi o empuxón que me facía falta no momento para pensar nunha opción viable e diferente, e isto é algo que, ata o de agora, non existía na montaña lucense», di.

Agora só queda esperar a atar os últimos detalles, pero Leticia xa ten todo pensado. «Isto vai ser un recuncho familiar. Quero que a xente veña aquí e poida respirar aire puro e desconectar dos estímulos da cidade», afirma a a ancaresa.

Neste caso, o resto das casas de Vilaverde non forman parte do proxecto dos Chao, pero Marifé xa di que, algún que outro veciño non descarta unirse se a cousa vai ben. «Non me parece mal, eu quero que nos vaia ben a todos. Veremos a ver como vai a cousa, pero eu creo que ben, son bastante optimista por natureza», asegura convencida.

Leticia prefire non aventurarse tanto, pero si que asegura que enfronta este proxecto con moita ilusión e que, xa hai xente en lista de espera para probar os pratos familiares, que prometen ser toda unha experiencia para os que «de verdade valoran a cociña».