
A mostra inclúe obras de distintos puntos da Península, entre elas, vinte orixinais fabricados en Galicia entre os séculos XVII e XX
29 sep 2023 . Actualizado a las 12:41 h.Entre os días 5 e 29 de outubro • Museo Provincial de Lugo •
O Museo acollerá a exposición de olería Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia, promovida pola área de Medio Rural da Deputación e a concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello. A mostra inclúe unha coidada selección de pezas de barro procedentes de coleccións galegas e doutros puntos do Estado.
A exposición reúne preto de corenta pezas de olería relacionadas coa recolleita e o consumo do mel. Destacan 20 pezas orixinais de olería antiga de Galicia (veleiros, meleiras, castraderas e pucheiras) feitas entre os séculos XVII e XX, e procedentes de dúas das máis prestixiosas coleccións galegas de barro, como son a Colección Gerardo Caldas (Sarria) e a colección Rosa Carballés (Compostela), que atesouran a maior parte da alfarería fabricada en Galicia nos tres últimos séculos.
A mostra complétase con 14 pezas recuperadas, orixinais doutros puntos do Estado (Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Badajoz, Jaén, Zamora ou Toledo), que permiten comprobar as solucións diferentes que se daban ás mesmas necesidades en cada lugar, en función da súa cultura e idiosincrasia. As pezas acompañaranse de textos e imaxes.