Antía Muíño, cantautora que actúa en Lugo: «O meu proxecto non pode competir coa grande industria musical, pero emociona e ten moi boa acollida»
LUGO

A artista, que mestura o jazz, a «bossa nova» e a música tradicional, será unha das voces do festival «As literatas para Rosalía de Castro», que terá lugar o venres 23 na Praza de Santa María
22 feb 2024 . Actualizado a las 12:16 h.O jazz, a canción de autor, a bossa nova ou a música tradicional galega son algúns dos xéneros nos que se pode escoitar á cantautora compostelá Antía Muíño, gañadora dun Premio Martín Códax da Música Galega. Comezou na música co folclore tradicional, para dar o salto anos máis tarde á guitarra clásica, estudándoa ata facer o grao superior en Musikene (San Sebastián). O seu traballo está moi ligado ao jazz libre, pero tamén á poesía e á lírica tradicional, da que botará man no concerto do venres 23 en Lugo (Praza de Santa María ou Capela de Santa María, 20.00 horas), trala actuación de Belém Tajes e antes da de MJ Pérez. Será dentro do festival As literatas para Rosalía de Castro, que organizan a Vicepresidencia da Deputación e a USC con motivo do Día de Rosalía.
—¿Como será este concerto?
—Un pouco distinto ao que habitualmente fago. Normalmente, actúo cun trío, con percusión, saxofón, teclados... Desta vez, fareino en solitario, cantando, tocando a guitarra e a pandeireta. Interpretarei poemas musicados de Rosalía, pero tamén doutras autoras, como María Mariño, e temas novos e do meu disco Carta aberta.
—Será un festival galego e en feminino.
—Si, alegreime moito desta iniciativa, unha clara aposta polo talento feminino e pola canción de autor. Algo moi importante porque a veces esquécense a palabra e a música.
—Música tradicional, jazz, «bossa nova».... ¿Como chegou aí?
—Comecei neste mundo coa música tradicional, pero desde pequena me mergullei noutros estilos. Ademais, tiven unha formación clásica. Todo iso foise traducindo no que fago; ese xeito de cantar e improvisar, co que busco a singularidade, sáeme de maneira intuitiva.
—¿É difícil abrirse camiño sen facer música «de masas»?
—A pesar de que eu non fago música de masas, interesa o que estou a facer. Ás veces é duro porque vexo que o meu proxecto non pode competir coa grande industria musical, pero emociona e ten moi boa acollida. No 2023 presentamos Carta aberta por toda España, Portugal e mesmo Marrocos, e foi moi ben recibido, e iso dáme azos.
—¿Como se presenta o 2024?
—Seguiremos presentando Carta aberta e sacando temas novos. Tamén será un ano para traballar na produción do seguinte álbum.